ANA PATIÑO - CANGAS
A Mostra Internacional de Teatro de Cangas arrinca hoxe cunha amplia gama de espectáculos teatrais no Auditorio e na rúa. Este ano a cita chega á súa vixesimosexta edición e a organización, encabezada por Che Mariño, prepárase para levantar o pano.
–Hoxe comeza a Mostra con “Cómicos dell´auto” ó cargo do Teatro de Ningures.
–Abrimos a Mostra de Teatro co carro da comedia, un espectáculo ambulante polas rúas de Cangas. O pregoeiro deste ano, Avelino González, dará o pregón enriba do autobús, que no medio do percorrido fará paradas e representaranse pequenas pezas teatrais.
–Que motivou a escolla de Avelino González como pregoeiro?
–Avelino é un gran amigo noso, ademais de ser un actor moi coñecido polo seu traballo en “Mareas Vivas” ou “Padre Casares”. Mantén moi boas relacións coa Mostra.
–Cal é o plato forte se é posible escoller entre todos os participantes da Mostra?
–Todo o que traemos nos gusta. Levamos todo o ano mirando espectáculos e elixindo grupos. Non podería elixir. Se falamos do panorama estatal, conseguimos que este ano viñese La Zaranda, un grupo andaluz co que sempre houbo boa relación. Levamos moitos anos tentando que viñeran pero tiñan poucas datas dispoñibles. Tamén contamos con Atalaya Teatro, que son Premio Nacional, e que representarán “Divinas Palabras”, unha obra de Valle Inclán.
–Que novidades se inclúen no programa?
–O espectáculo “Desembarco turco. María Soliño”. Trátase dunha recreación da invasión turca e o proceso que sufriu María Soliño. É a primeira vez que se fai esta coproducción do Concello e a Mostra. Vai ter lugar no porto e no casco vello e é unha obra na que colaborara xente de Cangas. É un reparto moi amplo e os actores da compañía teatral non chegan para a súa representación.
–A Mostra Internacional de Teatro leva celebrándose vinteseis anos. Significa que en Cangas a cultura teatral ten moi boa acollida?
–Cangas é moi receptiva ó teatro. Pero xa non só nas Mostras, senón en calquera representación que se faga durante o ano. É un público moi agradecido e moi crítico tamén. A xente está habituada a ver teatro e non lles vale calquera cousa.
–Como avanza a venda de entradas este ano?
–Os problemas que tivemos coa Xunta influiron bastante. Non nos contestaban á petición de axuda. Aínda nos confirmaron este martes que nos concedían a subvención, polo que houbo pouco tempo para publicitar a Mostra. As entradas levan poucos días á venda. Imos a bo ritmo, pero este ano hai moitos problemas relacionados coa crisis, está a folga do metal...
–A Mostra de Teatro dependía da Xunta de Galicia para saír adiante?
–Contamos co apoio do Concello de Cangas, que se non nos chega a dicir “tirade para adiante” non poderíamos facela. Ademais temos a axuda de Frigoríficos do Morrazo, Caixanova ou o Instituto Galego das Artes Escénicas. Sen embargo, o que nos aporta a Xunta é un 50% do presuposto, que ronda os 100.000 euros, e non dispoñer desa subvención sería un risco.