REDACCIÓN - CANGAS
A Xunta de Goberno Local de Cangas debatiu onte a tramitación de 24 propostas de resolución de expedientes procedentes da área de Urbanismo, unha cifra que cuadruplica a media dos tratados nas sesións dos últimos meses. A multiplicación da actividade nesta área municipal prodúcese unha semana despois de que a alcaldesa, Clara Millán, criticara o baixo ritmo de expedientes de licenza saídos do departamento que dirixe Mariano Abalo, e o concelleiro anunciara unha reestructuración do funcionamento interno que pretende, entre outros obxectivos, axilizar estas tramitacións.
Os 24 expedientes aos que a Xunta de Goberno deu saída –nunha sesión na que o propio Abalo estivo ausente – foron informados polo arquitecto e/ou o aparellador municipal no relativo a altura, volume, recuados, edificabilidade máxima e ocupación permitida, entre outros parámetros. Sete dos aprobados son de obra maior –construcción de vivendas, reformas, parcelacións, etc. –, nove de obra menor –casetas, cercos, cubertas, etc.–, e catro de licenzas de apertura de establecementos. Tamén se revisaron dous expedientes de parcelación urbanística e as propostas de denegación de tres licenzas por caducidade, non adaptase ao estipulado ou seren obxecto de infracción urbanística.
Actividade en Massó
Por outra banda, as obras de construcción do peirao deportivo de Massó continúan, aínda que a ritmo ralentizado pola presenza do sinal que prohíbe circular camións polo vial da Congorza e de membros do Foro Social que vixían para que esa restricción se cumpra. Desde o colectivo social explicaron que na zona valada seguen a traballar un camión e unha pala colocando pedra, aínda que non está a entrar material desde fóra. Os conductores estacionan enfrente da depuradora e alí permanecen durante horas.