G.M.P. - CANGAS
A categoría A está reservada para o alumnado de ESO, e o xurado integrado por Lucía Novas e Elvira Riveiro outorgou o primeiro premio a Aitor Outeiral Currás, do IES María Soliño. No poema "Vellez" reflexa penumbras vitais propias da idade:
Alá no ceo escuro
vexo unha pomba negra,
eu sigo no balcón
contemplando as estrelas
Rosa Elena Veiga Otero, alumna do CPI de Vedra, en A Coruña, acadou o segundo premio, mentres que o terceiro tamén quedou na casa, polo traballo de Aarón Costa Piñeiro, do María Soliño:
Cando soño…
creo que te miro…
cando te miro...
creo que soño.
O amor e o desamor seguen presentes en "Inverno":
Miradas perdidas e mans frías,
as bágoas corren e o pulso treme.
Na categoría B, aberta á participación do alumnado de bacharelato e ciclos de grao medio, o primeiro premio foi para Marina González Guerreiro, do Instituto Politécnico de Vigo. En "Contraluces" agroman argumentos para darlle o premio:
Hai sombras tralas fiestras.
Siluetas cambiantes,
verdades a medias
En segundo lugar foi elexido o traballo de Sabela Rodríguez Lorenzo, do IES Monelos, en A Coruña, que volve a aparecer entre as elexidas no certame cangués, xa que na pasada edición –cun xurado distinto –, recibiu o segundo premio na categoría A, o que indica que, ao menos nalgúns casos, a poesía non é un fulgor pasaxeiro e chega a medrar ao ritmo dos corpos. Cristina Caínzos González, alumna do IES Ricardo Carballo Calero, de Ferrol, recibiu o terceiro premio na categoría A.
No acto de fin de curso intercaláronse actuacións musicais coa poesía. Os organizadores anunciaron que no primeiro trimestre do vindeiro curso presentarase un libro conmemorativo dos 25 anos do certame unha "gran festa da poesía" na que participarán gañadores e xurados de todas as edicións. Será unha "ocasión especial" para o reencontro, remexer as colleitas do pasado e seguir sementando de versos o futuro.