Moaña na Guerra da Independencia (I)

Segundo centenario da Batalla de Pontesampaio

 02:17  
Deseño para o escudo de Moaña feito por Benito Saavedra, secretario do Concello en 1950.
Deseño para o escudo de Moaña feito por Benito Saavedra, secretario do Concello en 1950. 

Nesta fin de semana conmemórase o segundo centenario da Batalla de Pontesampaio, enmarcada dentro da Guerra da Independencia contra o exército francés de Napoleón. Aproveitando esta efeméride, o veciño e historiador moañés Xosé Carlos Villaverde preparou para FARO unha colaboración especial na que analiza a contribución do Morrazo e nomeadamente a de Moaña, cuxo escudo municipal contén unha referencia a esa contenda a través da "ponte rota". Hoxe publicamos a primeira parte do artigo, que se irá completando nos vindeiros días.

X..C. VILLAVERDE - VECIÑO DE MOAÑA E HISTORIADOR O actual escudo de Moaña data de 1950, cando o secretario municipal, Benito Conde, propuso modificar o anterior Constitucional por outro que aportara símbolos relacionados coas connotacións históricas do concello. A primeira representación escollida foi a fragata Numancia, a fin de lembrar ó almirante Méndez Núñez, soterrado na capela de O Real ata o ano 1883. O outro elemento en importancia, foi a plasmación da ponte rota de Pontesampaio, en conmemoración dos fillos da vila que tomaron parte na guerra de Independencia contra os franceses (Deseño do delineante Julio Montero do Concello de Pontevedra). O escudo anterior constaba dunha ponte coroada de loureiro –símbolo de victoria-, supostamente atribuída á participación dos moañeses na batalla de Ponteampaio. Hoxe en día, contamos con algunhas referencias documentais que van encher de contido a intuición deste secretario.
O Tratado de Fontainebleau asinado en outubro de 1807, prevía unha invasión francoespañola de Portugal, país aliado de Inglaterra, contra a que estaban en guerra. Pronto as tropas napoleónicas empezaron a tomar posicións nas principais cidades españolas, pasando a ter unha presenza ameazante. Napoleón consideraba fráxil a monarquía de Carlos IV e un grande impedimento para seus intereses, motivo polo cal o traslada a Bayonne en maio de 1808. A clase política considerouno coma unha usurpación do poder e querer impoñer, a seu irmán Xosé Bonaparte, na sucesión da coroa española. A presión política e popular, o motín de Aranxuez, os acontecementos do Dous de Maio en Madrid, e o chamamento ó levantamento armado contra os franceses, foron os prolegómenos da chamada Guerra de Independencia.
A raíz do traslado da familia real a Bayonne, vaise dar en Vilagarcia a primeira protesta galega antifrancesa (12-05-1808), onde os paisanos animaron á formación dun exército, pero como apunta Xosé Ramón Barreiro, na súa Gran Historia de Galicia, non tivo moita repercusión por non proceder dunha das grandes capitales do reino de Galicia. Pouco despois as autoridades coruñesas súmanse ó nomeamento de Fernando VII como herdeiro da coroa española e apoian á constitución da Xunta Suprema do Reino de Galicia con representación das sete capitais galegas. Ó mesmo tempo, e ante a ausencia dun poder central, aparecen as xuntas locais, vínculo de poder improvisado sen precedentes lexislativos nen tradicionais. Fidalgos, militares, cregos, empregados, burgueses, comerciantes, escribanos, correxidores, licenciados e xuíces dominan esta nova plataforna, quedando en escala inferior os mordomos, labregos, mariñeiros e xentes comúns. Destas xuntas locais sairá en xuño de 1808 a Xunta Suprema do Reino de Galicia, capaz é desenvolver unha política militar e, non só acadar a paz cos ingleses, senón que tamén, recibir axuda económica, militar e de subministros de armas. Co devir do tempo a partir de marzo de 1809 vaise crear a Xunta de Lobeira (Ourense) que ordeará e controlará as constitucións de xuntas menores nas vilas, cotos, parroquias das provincias do sur de Galicia de Tui e Ourense. De calquera maneira todas as actuacións militares en Galicia vanlle ser comunicada ó Marqués de la Romana, home de experiencia militar en Flandes, destinado a esta terra para liberala dos franceses.
Pola Historia de Cangas de Marinelli-Pumar-Rodal sabemos que o día 31 de maio de 1808, a capital santiaguesa estaba levantada e enviou un comunicado a tódalas poboacións galegas a fin de prepararse na defensa, facendo un chamamento ó alistamento de voluntarios, recollida de armas e facer provisión de víveres. Pola parroquia de Moaña presentáronse 259 mozos, por Domaio 96, 24 por Tirán, mentras que Meira montou xunta aparte por ser couto agregado ó marquesado de Valladares.

Clero e fidalguía
Cabe destacar o labor interesado do clero e fidalguía do Morrazo, empeñados en manter os privilexios seculares, e os cales solicitan postos importantes nas xuntas e ingresos na academia militar. Así Eugenio Santos, da casa do Foxón en Tirán, demanda ser cadete no Rexemento Provincial de Ourense. Manuel Saavedra e José Saavedra, ambos da casa de O Rosal, queren ser oficiais do exército. Gregorio Saavedra, fillo de José Saavedra, foi alférez de fragata. Benito Saavedra, outro dos fillos do señores do Rosal, foi tenente capitán do Batallón de Tiradores do Morrazo. José Jalón casado con Joaquina Saavedra, filla de José Saavedra, foi tenente coronel no Real Corpo de Artillería. Por outra banda, no ámbito relixioso temos a Félix Sequeiros, reitor da freguesía de Tirán, Pedro Saavedra de San Martiño, Ramón Rubiños párroco de Meira e Manuel Palmás crego de San Pedro de Domaio que formaron parte da Xunta do Goberno da vila de Cangas como representantes dos trozos de cada freguesía.
A comezos de 1809, o exército imperial xa tiña tomado as principais vilas de Galicia. A Coruña foi a primeira en capitular o día 19 de xaneiro, e logo seguiron por Santiago, Pontevedra, Ferrol e a finais dese mes entran en Vigo, baixo o mando do xeral Franceschi. Logo, os xenerais franceses, incluido Franceschi, toman posicións nos pobos fronteirizos para invadir Portugal, deixando na praza de Vigo ás ordes do coronel Chalot.
O día 10 de febreiro de 1809, entrou na vila de Cangas, procedente por mar desde Vigo, un oficial de cabaleiría do exército imperial, escoltado por seis soldados ben armados, coa finalidade de conseguir sustento para o propio exército, ordeando a requisa de forraxe de palla, cereais e gando. Asi mesmo, obrigaron a entregar douscentos pares de zapatos no prazo de tres días. Ante a imposibilidade de cumplir o último requisito, as autoridades locais accederon a prestar tres zapateiros á disposición do gobernador francés en Vigo. Tamén solicitaron submisión e obediencia a Josef Napoleón Primero e habilitar a vixilancia no monte Castelo para que “guarneciéndose de dos marineros que auxilien al piloto que venga encargado della, remitido de la villa de Vigo, y asista allí con dicho piloto diariamente”.

O médico Jose B. Pereira
O domingo de carnestolendas (entroido), día 12 do mesmo mes de febreiro, ó saír da misa popular das nove da mañán, da igrexa de San Martiño de Moaña, o crego de menores, mordomo e rexidor de Moaña, Pedro Benito Rubiños, leu un comunicado da Xustiza de Cangas, procedente do goberno francés, para que os vasalos desta xurisdición recoñecesen e xurasen fidelidade a Josef Napoleón e que estivesen tranquilos, pois os españois serían máis felices que antes. Esta proclama atopou apoio en José Benito Pereira, médico cirurxián de San Martiño e axudante da Comandancia de Trozos das Milicias Urbanas de Moaña, quen pronunciou en varias ocasión arengas públicas a favor dos galos:
“...ahora si que se cierra el hueco de mis deseos; hasta el día, jamás España estubo bien gobernada, pero lo estará en adelante. Dejazlos benir que harán la felicidad de todos los trabajadores. Solo restaba ahora degollar a todos los clérigos, Frayles y capistas (?) que nos tienen esclavizados...
...ojalá biniesen quanto antes y llegase el tiempo de gobernarnos el código de Napoleón, con lo que no se pagarán Rentas y que los curas, jueces, abogados y escrivanos se mantendrían de los diezmos sin llebar a nadie derecho...
...que necios son estos labradores pues no hacen mas que llebar dinero a los Curas, siendo asi que después de la muerte no hai necesidad de cosa alguna... “
Cando as xentes do Morrazo participaban no asedio da vila viguesa, escoitouselle dicir:
“...que Bárbaros de labradores, ahora que les llegaba su felicidad, no se quieren aprobechar della: Barbaramente se ban a sacrificar, y derramar su sangre para ser siempre esclavos”.
Este médico, un dos poucos afrancesados de convicción que houbo en Galicia, foi condenado, en 1810, a dous anos de desterro a unha distancia de seis leguas da xurisdición de Cangas.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
Opinión
Javier Manchado
Los detalles particulares de la vida del Morrazo no pasan en balde ante O Romepolas más »
Síguenos en...
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
¿Qué piensa hacer hoy? ¿Tiene algún plan para el fin de semana? Consulte todos los eventos culturales en nuestra agenda... más »
Le ofrecemos un espacio propio para hablar de lo que más le guste. Cree un blog en el espacio que Faro de Vigo pone a su disposición... más »
Contemple la Ría de Vigo en directo desde la cámara situada en la sede de Faro de Vigo, situada en Chapela... más »
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya