|
|
|
HEMEROTECA » |
|
XELA CUÑARRO - CANGAS Non hai tanto tempo, no comezo do paseo marítimo había un salgueiro. As súas polas chegábanlle ao chan. Daba a sensación de que sempre estivera alí plantado e de que quedaría alí toda a vida, ollando pasear a xente os domingos ou rindo ao ver saltar os gatos entre as pedras do peirao.
Un día, non hai tanto tempo, cortaron o chorón. Coma el desapareceron tamén a mítica Casa das Luces e as moitas fábricas conserveiras que había. Mentres, os diversos aterrados íanlle comendo espazo ao mar poñendo novas barreiras coa terra.
Todo cambia en Cangas, coma se a renovación constante dos edificios estivera conectada coas súas xentes, cos seus costumes e cos cambios nas súas formas de vida.
Hai edificios que perduran, coma as vellas cicatrices nas persoas, que impiden que esquezamos algo que xa pertence ao pasado. Até hai cousas que mudaron e cambiaron de emprazamento, negándose a aceptar o paso do tempo e reclamando o seu dereito a non deixar de formar parte da arquitectura da vila, do noso vivir cotiá, do que somos e incluso do que podería ter sido.
As vilas, como as persoas, cambian a mellor ou a peor e depende de nós decidir como queremos que sexan. Para entendelas, nada mellor que a memoria e, cando esta se agota, quedan as fotografías, memoria colectiva dunha vila, para lembrar o pasado, vivir o presente e tratar de mellorar o futuro.
Coa exposición aberta ata o 29 de maio na Casa da Cultura, a Asociación Cultural A Cepa rende homenaxe a fotógrafos como Ocaña, Carnero, Magar, Santoro, Mas ou Sarabia, e agradece a cesión de material gráfico polas persoas que fan posible esta exposición. A Xunta e a Concellería de Cultura de Cangas tamén colaboran para que esta mostra sexa posible.
|
|
| LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES | ||
LO ÚLTIMO |
LO MÁS LEÍDO |
LO MÁS VOTADO |
| CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO | PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR |
|
|
||||||||