As concellerías de Cultura e Xuventude traballan xuntas nesta iniciativa na que colaboran tamén o Conservatorio e a Escola de Música, a editorial Oco e o programa “Preescolar na Casa”, da Xunta de Galicia. Trátase dun conto musical, un “espectáculo de altura”, en palabras do concelleiro Xosé Manuel Pazos, o primeiro contacto dos nenos cos escenarios e o mundo da interpretación, tanto como actores protagonistas como de espectadores. As imaxes e a música compartirán protagonismo coa narración da historia, que se prolongará arredor de media hora para poder manter a atención dos cativos.

“Esta moi indicado para os pequenos, pero tamén para os seus pais e nais”, engadiu Óscar Graña, que mesmo pediu que os rapaces acudan á representación en compañía dun só proxenitor, en previsión de que o Auditorio non teña capacidade para todos. A representación, o ano pasado, da obra “Totorico” foi “todo un éxito”, e os promotores agardan que a de hoxe sexa aínda maior. A entrada é de balde, o que deixa sen escusas ás familias para acudir.

Tamén a directora da Escola de Música, María Xesús Torres, e Luis Carballo, mestre do conservatorio, incidiron na importancia de introducir a música desde a tenra infancia, e explicaron que os músicos estarán repartidos polo escenario e distintos puntos da sala. Membros da Big Band axudarán na animación, e tamén haberá unha mostra de instrumentos no recibidor do Auditorio, coa intención de misturar a diversión cunha finalidade didáctica.

Na mesma tarefa están no programa “Preescolar na casa”, que se centran na formación dos pais e nais na educación infantil e que consideran “excelente” a iniciativa e os resultados que persegue para o desenvolveento dos nenos, en palabras de Esther Mendaña. Eva Mejuto, de Oco, recalcou que así se axuda a facer do libro máis ca un obxecto, e que a música “enriquece e dalle vida”.