No intenso roteiro que realiza por Galicia para explicar as súas propostas de futuro á militancia da formación nacionalista, onte reuniuse en Cangas con afiliados do Morrazo, aos que lle pediu apoio para converterse, na asamblea do día 10, en portavoz nacional, como cabeza de lista de Máis BNG.

-A súa candidatura ten como eslogan “O cambio necesario”. ¿Cara onde?

-No BNG todos compartimos un proxecto político nacionalista e transformador, pero temos distintas formas de interpretalo. Hai quen entende, como é o caso da UPG, que agora convén certo inmobilismo, recuperar as esencias e botar ano e medio clarificándonos ideoloxicamente, mentres que en “+BNG” apostamos pola vixencia e o futuro do proxecto, e queremos traballar desde xa por abandeirar a oposición ao PP e logo liderar a alternativa de goberno. Pensamos que o BNG non se pode permitir un período de interinidade, non pode haber tempo morto. Entre estas dúas liñas ten que escoller a militancia.

-Con tal baile de siglas e un panorama saído das asambleas comarcales sen maiorías suficientes entre as tres correntes, non queda máis remedio que pactar.

-É certo que para moitos resulta complexo entender o que é o BNG por dentro, unha forza plural que aglutina o nacionalista en Galiza, e sería necesario empezar a simplificar esa complexidade cara afora, ese barullo ou ruído de fondo que impide escoitar a mensaxe principal. Para entendernos, a UPG avoga porque o Bloque reforce a estructura, centrarse en recuperar os sinais de identidade e empezar por ter un portavoz nacional para a organización, non para a sociedade. Está ben, pero nós pensamos que debe facerse de forma paralela ese debate e a proxección exterior. O BNG debe ter vocación maioritaria, debe ser unha organización de masas, responder ao conxunto da sociedade e converterse en alternativa progresista ao PP en catro anos.

-¿Mirar menos para adentro e máis para afora?

Primeiro debemos atender ás preocupacións diarias, aos problemas inmediatos das persoas, que demandan máis traballo, máis servicios públicos, e a partir de aí facer política nacionalista, non ao revés. A política progresista, de esquerdas, a renovación de mensaxes, ideas e persoas debe ir unida á política de país.

-A respecto dun pacto que semella necesario, ¿sería antes, durante, despois...?.

-Antes da asamblea non vai haber acordos. A militancia elexiu a 2.500 delegados que non teñen a obriga de votar a uns ou a outros o 10 de maio, senón libremente. Haberá que escoitar á militancia, interpretar os resultados e despois valorar acordos.

-¿As diferentes posturas responden á división ou ao pluralismo?

-É sinal de vitalidade nunha organización viva, transformadora, onde hai debate. Todos temos ideas e alternativas, e todas son lexítimas.

-Hai uns días falaba vostede de “concentración parcelaria”.

-Bueno, haberá que simplificar a estructura do BNG, aínda que esta asamblea reflicte que non hai 50 alternativas, senón dúas... ou dúas e media.