“Quen pense que non ten un problema é que o ten: é tonto”. Ésta foi unha das sentencias de Moncho Borrajo durante a gala benéfica que organizou onte Afamo no Auditorio de Cangas, onde xa unha hora antes de comezar non había un só asento baleiro. O humorista protagonizou un espectáculo no que a máis de un saltáronlle as bágoas coas gargalladas. Meteuse cos políticos municipais, coas pijas que falan de “Sangenjo”, cos “berridos das vellas do Luar”, co novo presidente da Xunta e a súa gaseosa e coa normativa, á que tanta mofa lle ten.

Borrajo, natural da cidade ourensá Baños de Molgas, foi o encargado de abrir a gala que, por terceiro ano, organiza a Asocación de Familiares de Enfermos de Alzéhimer do Morrazo (Afamo) co fin de recaudar fondos para o colectivo.O humorista comezou a escuras, tras o gran telón vermello, cantando ó son do cabaret e anunciando que ía facer o espectáculo en galego, aínda que pediu desculpas ós membros do BNG: “se hai algún que non me entenda, sintoo”. Buscou tamén ós do PP, “que deben estar sentados abaixo, porque arriba coa plebe, non creo”. Tampouco se lle escaparon ós “halagos” ós membros do PSOE, sobre todo ó dirixirse ó tenente alcalde de Moaña, Víctor Pastoriza, sobre o que destacou ás súas grandes medidas “en todo o corpo...”

Borrajo ofreceu un show digno da súa longa traxectoria, no que non faltaron as alusións á sexualidade, ó “mariconismo” e ós “casados raritos”. Falou das súas raíces, dos veráns na praia dos Alemáns e de como lle gosta a súa terra, na que “non é preciso rematar os chistes porque os collemos á primeira”. As gargalladas e ovacións foron continuas, incluso cando, cun semblante máis serio, aludiu á razón da súa presenza, a pesar de estar xa retirado. “Os discapacitados non son pobriños, esos son os que rouban e pegan”, suliñou. “Ter problemas físicos é de persoas”, sentenciou. Trala súa primeira intervención, Borrajo deu paso ó gaiteiro moañés Xosé Manuel Budiño, calificándoo como “o músico máis galego pero tamén máis moderno”, que puso a sintonía dunha gala chea de risas, bo humor e solidariedade.