G.M.P. - CANGAS
“Unha orquestra de nivel profesional integrada por xóvenes músicos que agora culminan un soño”. Así definiu o concelleiro de Cultura de Cangas, Xosé Manuel Pazos, o “Proxecto Orquestral”, que xurdiu en 2006 como unha actividade dos alumnos e profesores do Conservatorio Profesional e da Escola de Música, e que desde xa é unha realidade que integran 42 músicos de toda a comarca do Morrazo cunha media de idade que non chega aos 17 anos. Dirixida por Alberto González Avilés, a formación ofrecerá o vindeiro venres 15 de maio o concerto de presentación no Auditorio de Cangas, e unha semana despois darase a coñecer en Pontevedra, no Teatro Principal.
Con este paso, o “Proxecto” deixa de ser só “unha materia dun centro educativo para converterse nunha agrupación musical merecedora de ser escoitada nunha sala de concertos, o seu lugar natural”, explicaron onte os seus promotores, nun acto donde quedou claro o nivel de “interpretación, calidade e intensidade” aos que teñen chegado os seus integrantes, dos que director e profesores destacaron “as gañas, o esforzo, ilusión e rigor” con que están a traballar. Con estas ferramentas, Pazos está convencido de que a nova orquestra “será un éxito”, aínda que os seu responsables incidiron en manter “os pés no chan” e en “vivir o presente”. Este pasa por ofrecer os dous concertos previstos, así como en grabar un disco no Auditorio que deixe testemuña nun “fito histórico” para a comarca, “algo grande do que debe quedar constancia”, en palabras do mestre Luis Carballo, e a súa continuidade vai depender da disposición dos músicos e das súas obrigas académicas ou laborais.
O equipo docente tamén coincidiu no traballo realizado polo director e na selección e adaptación dun repertorio propio. Un “traxe á medida” na que Avilés participou como “xastre”. No que todos están tamén de acordo é que todo este traballo deu como resultado “unha gran orquestra, con calidade, finura e madurez musical”, e que os concertos de presentación van demostrar esta valía e a “conmover aos asistentes”.