Os alumnos de terceiro da ESO do Johán Carballeira de Bueu e do Pedra da Auga de Ponteareas comezaron a cartearse aló polo mes de decembro. Foi o comezo dunha actividade de intercambio cultural impulsada polos equipos de normalización lingüística dos dous centros e que onte culminou co encontro dos rapaces e rapazas. Eran 62 estudantes da vila do Condado e 33 da vila buenense, acompañados por cinco mestres. Despois da lóxica timidez inicial no encontro cara a cara, a cousa funcionou e ambos grupos viviron unha gran xornada de convivencia.

Os alumnos de Ponteareas chegaron a Bueu a primeira hora da mañá e foron recibidos no salón de plenos do Concello de Bueu. Alí estaba o alcalde, Félix Juncal, e as concelleiras de Igualdade e Promoción Económica, Laura Ogando e Miriam Ferradáns. O rexidor faloulles dos encantos da vila e invitounos encarecidamente a voltar de novo xunto coas súas familias. Despois desta parte institucional, os estudantes e os mestres foron cara o Museo Massó, onde fixeron unha visita guiada a través das súas diferentes salas. Foi un xeito excepcional de que os rapaces de Ponteareas se achegasen á cultura mariñeira e conserveira dunha vila como Bueu.

A seguinte parada do camiño tamén estaba moi vencellada ó mundo do mar: a Confraría de Pescadores de Bueu e a súa lonxa. Alí xa os agardaba o biólogo do pósito, Alberto Garazo, que de xeito ameno e claro explicoulles como funciona esta entidade e cales son as especies máis importantes que se subastan na lonxa buenense. Tamén se falou da posibilidade de convocar un premio de investigación dirixido a escolares e sobre o mundo da pesca, unha iniciativa que se incluiría no Proxecto BueuINforma.

Coñecendo Ons

A última parte da excursión foi quizais a máis emocionante para os alumnos: a illa de Ons. Colleron o barco ás 13.30 horas e despois de comer foron ata o faro e a enseada de Caneliñas. A experiencia do intercambio cultural chegou aquí a un dos seus momentos máis intensos: algúns dos rapaces do Johán Carballeira son descendentes de xente de Ons e puideron contarlle ós seus novos amigos de Ponteareas como era a vida nunha illa que carecía de moitos servizos básicos.