A festa do Entroido enfila a súa recta final. Ésta é unha fin de semana chea de despedidas, con procesións e enterros varios. Os nenos de Moaña celebran esta tarde o Enterro da Xoubiña, un desfile que percorrerá as rúas do municipio a partir das 17.45 horas. Os máis pequenos sairán dende o entorno do peirao de Tirán e chegarán ata o palco da música. Para mañá domingo queda a multitudinaria despedida da sardiña, na que as comparsas da vila porán o gran broche final ó Entroido moañés. Hoxe mesmo, na parroquia canguesa de Aldán farán o mesmo pero co mexillón. A saída está programada para as 16.00 horas, no cruce dos Carballiños, e chegará ata o porto pesqueiro.

A xornada de onte centrouse na celebración de festivais de comparsas. Un dos máis agardados é o que se celebra no Concello de Bueu, organizado polo clube de balonmán e que é o máis antigo de cantos se celebran no Morrazo. Un ano máis as mellores agrupacións da comarca volveron a actuar na carpa instalada no aparcamento do Santán e fixeron rir ós asistentes coa súa “afilada pluma”.

Non foi o único festival de onte posto que os veciños de San Martiño tamén organizaron unha nova edición do seu certame, que tivo lugar no centro sociocultural. Tamén en Moaña, os membros da comparsa Animodo festexou os seus dez anos de vida cunha gran festa na parroquia de Domaio.

Resto da programación

A vila moañesa ten aínda máis actos para a xornada de hoxe. Amais do Enterro da Xoubiña, a asociación veciñal O Arroás organiza outro festival de comparsas no atrio da Peregrina, na Guía. Pola noite, na carpa instalada no paseo marítimo haberá festa rachada coa actuación do grupo Bombón. E no Var con Uve de Abelendo actuará o trío Verde Menta, a partir das 21.00 horas.

A pesar de todo, o Entroido aínda non ha de rematar completamente esta fin de semana. En Bueu pospuxeron o Enterro do Paxaro do Mal Agoiro ata o vindeiro sábado, un xeito de non coincidir coas eleccións de mañá.