Din que as persoas só morren cando se esquecen, por iso Xaime Enríquez Martínez sempre seguerá na memoria, a lo menos na do mundo artístico. A morte deste axente literario provocou que gran cantidade de achegados e coñecidos queiran rendirlle unha homenaxe, tanto pola súa labor profesional coma pola pegada que deixou como persoa.

Desta forma, diferentes personaxes do mundo da cultura choran hoxe a morte de Xaime Enríquez Martínez, o axente literario de Cangas. Sempre vinculado á arte e cultura, Enríquez é recordado polos seus amigos como un home cheo de amizades por toda a xeografía española. O propio Henrique Harguindey dedícalle un texto.

"Alá está xa. Con Antonio o Cantomiño e o señor Xosé o Asustado, co Ramón o do Bar Sampaio e o señor Rosendo, o do porquiño. Con todos eses personaxes reais e entrañables que poboan os contos con que el nos regalaba -sorrindo ledo- arredor dunha boa mesa.

O Xaime, o amigo sempre disposto a botar unha man a todos, a levalos onde compartir o agarimo dos seus, de Encarna, de María e de Camilo.

O Xaime, o compañeiro de loitas pola liberdade e a cultura. Das iniciativas solidarias na procura dun mundo xusto e mellor. Da lingua e da patria, permanentes no seu corazón. Foise sen chegar a ver impresos eses contos tan fermosos. O da argallada moceira da princesa Margariña do Algarve, o da misteriosa presenza da Santa Compaña en Liméns, o da réplica retranqueira da ama Cuca. E o do lobo. O do doutor Salgado e o lobo. Probablemente o mellor conto oral que eu teño escoitado. Un conto que ilustra perfectamente o paso do conto de autor, con nomes e apelidos, ao conto popular, historia que vai de boca en boca considerada xa patrimnonio colectivo. Un día chamoume Manuel Rivas para me preguntar se eu coñecía ese conto. Sentírao contar nunha xuntaza de amigos e quería saber se se trataba dun conto popular. Díxenlle o que sabía: que escribírao Xaime Enríquez tras escoitarllo ó doutor Salgado. Manuel Rivas falou co Xaime e pediulle permiso para citalo en Os libros arden mal. E alí aparece, efectivamente, una alusión ó conto do lobo. E o nobre agradecemento de Rivas ao Xaime.

Botarémolo en falta inmensamente, máis nunca deixará de resoar en nós a súa cálida e firme voz, lembranza e memoria viva dos que deron testemuña de valor."

Os versos do poeta Celso Emilio Ferreiro, que Enríquez tan ben coñecía e recitaba de memoria, recordarán o falecido de por vida. "Polos camiños de Cangas a voz do vento xemía, espello meu, no que me estou ollando, iste que agora son, xa non existe. O tempo faise estatua na saudade e eu morro de saudades cada intre. Verdes outeiros da nativa terra, durmindo nun azur de fumes quedos. Rente de mín estades, doces cumes pero eu estou moi lonxe, lonxe lonxe. Un día voltarei, nativa terra,(...)en min te levo, pero eu estou moi lonxe, lonxe lonxe".