"As primeiras composicións polifónicas conservadas no mundo son galegas, e como galegos que somos debemos promocionalo", recalca o secretario da coral polifónica de Bueu, Enrique Gil. O conxunto actuará este vindeiro sábado día 3 de agosto na igrexa de Coiro ás 20.30 horas. "E un concerto memorable", afirma Xoán Chillón, da directiva da asociación cultural Cacarexo, organizadora do evento.

Durante a presentación do concerto coral estiveron presentes tanto a directora do conxunto buenense, Rosa María Cerviño, e o presidente de Cacarexo Ángel Martín. A eles acompañáronlles Xoán Chillón e Enrique Gil. Éste último explicou a organización das pezas que interpretará o conxunto o sábado. "Comezamos con unha introducción do narrador. A primeira parte do concerto é a unha soa voz, xa que así se facía na Idade Media, e estará interpretada polas voces escuras da coral, os homes, seguindo tamén o criterio da época, que prohibía cantar ás mulleres". O secretario da coral polifónica declarou que "este concerto xa o interpretamos noutras ocasións. A primeira vez foi en Marín, hai uns cantos anos no Día das Letras Galegas". O conxunto, formado por cerca de 30 membros, fai un percorrido histórico polos distintos estilos musicais salientando a súa evolución dende a Idade Media ata os nosos días. "E un concerto didáctico", subliña Enrique Gil. "Na coral tiñamos a inquedanza de explicar a universalidade de Galicia na música", engadía o secretario. O conxunto de Bueu conta, dende hai un ano, co patrocinio da Consellería de Cultura a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. "Financiáronnos dez concertos máis por toda Galicia coa idea de difundir este patrimonio que temos, as cantigas".

Coral Polifónica en Coiro

O concerto do sábado é un preludio das próximas festas parroquias de San Salvador de Coiro, que comezarán o vindeiro día 6 de agosto. "Sírvenos para impulsar a nosa propia coral en Coiro", explica o presidente da asociación Cacarexo. "Está sendo un embarazo difícil pero o parto será feliz", afirmaba Chillón, quitando ferro ó asunto. A asociación leva un tempo intentando crear un conxunto polifónico na parroquia de Coiro e segundo explicaba o directivo "xa estamos realizando ensaios, pero aínda non está decidido o nome". Angel Martín quixo recalcar a labor de Manuel Otero como principal impulsor dunha coral, que nestes momentos xa conta cunha vintena de voces. "É unha ilusión que tiña algunha xente e nós os estamos apoiando", engadía Martín, que quixo agradecer ó párroco de Coiro a colaboración para levar a cabo o concerto deste sábado.