A illa de Ons volta a ser protagonista. O salón de actos da Confraría de Pescadores de Bueu acolle dende onte unha exposición de máis de medio cento de fotografías tomadas na década dos sesenta e que reflicten os distintos aspectos da vida cotiá nesta illa buenense: a pesca diaria, o traballo agrícola e gandeiro, a matanza do porco ou incluso as festas tradicionais. O seu autor é o antropólogo sueco Staffan Mörling, que dende a súa estadía na illa quedou vencellado para sempre a ela e a Bueu (casou con Josefa Otero, veciña de Ons).

O acto de onte non foi unha inauguración senón unha "reinauguración" posto que esta mostra fotográfica xa se puido ver o verán pasado na propia illa e recibiu numerosísimas visitas. Agora estará no salón de actos da confraría de Bueu -sito na Rúa Rosalía de Castro, número 4- ata o vindeiro 31 de agosto. A directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Fátima Linares, estivo nesta reinauguración e destacou que o interese da Consellería de Pesca pasa por "valorizar as tradicións das comunidades pesqueiras tradicionais" e mostrouse convencida de que este tipo de actividades redundan nun "aumento da autoestima dos pescadores, que ven como a súa actividade suscita interese no resto da xente". Mörling non puido estar presente xa que aínda está en Suecia, pero si acudiu na súa representación o seu fillo Lorenzo.

A exposición pode visitarse de martes a domingo, en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 21.30 horas.