Manuel Piñeiro González / Bueu

Javier López Casqueiro é un xubilado do mar de 78 anos, expoñente dunha vida entregada á pesca nas moitas e variadas das artes que houbo e que hai. Ben pode ficar coma símbolo dunha época na que os mariñeiros sustentaron a economía de Galicia. A experiencia que acadou, traducida en humildade faino sentirse orgulloso de ser un máis de moitos mariñeiros que día a día axudaron a construír a sociedade galega de hoxe. Mais a Coral Polifónica de Bueu considerou que debía ser homenaxeado hoxe, no segundo festival O Son do Mar; encontro de corais no que participarán, ademais da devandita, as agrupación polifónicas Queixumes do Hío, Eixil de Cedeira e Valladares. Será ás 20:00 horas no Centro Social do Mar.

- Toda unha vida adicada ao mar cunha traxectoria cambiante e diversa, e agora ven unha coral polifónica da súa vila natal e fanlle un recoñecemento, ¿que lle parece?

- A verdade é que só podo dicir que calquera mariñeiro meréceo máis que un servidor. Non creo que destacase por riba doutros moitos compañeiros.

- Fagamos un pouco de memoria, ¿cando comezou na profesión mariñeira?

- Pois ós doce anos comecei a ir ao mar, pero sendo máis meniños xa íamos ó porto a pescar, cando íamos a escola de Don Guillermo, onde eramos cento vinte ou así. Uns se sabía que ían para estudiar: o fillo do médico ou dos gardas, pero os demais, non pasabamos de grao medio. Mais, estudiamos fóra da escola, porque daquela era moi rara. Era o que sabiamos facer, era a nosa cultura: o mar. Xubileime aos sesenta e cinco.

- Embarcou e...¿ en que oficios de pesca traballou?

- Pois comecei por artes de baixura: pola rapeta, o bou, o xeito, o arrastre, a ardora e ao palangre. Tralos vinteun meses de servizo militar volvín para casa e comezaba a introducirse o marisqueo de ameixa con vara. Era xa o 1952. E alternaba isto con ir pescar bonito nos portos de Bueu, Marín, Aldán ou Vigo. Terminei indo ás betas de faneca e pescadilla, e as nasas tamén. Xa alá polo 1977 fíxenme patrón maior, pero era unha época difícil, debido o cambio de réxime. A xente estaba acostumada ao xeito tradicional e a modernización víñanos un pouco grande. Pero, xa se sabe, en época de cambios sempre hai reaccións, nada extraño.

-¿Traballou en algo máis durante eses anos?

-Si, máis tarde traballei nunha batea experimental da Xunta de Galicia. Ninguén se apuntaba e necesitaban a unha persoa e inda que eu estaba ao cargo de barcos alá fun. Eu aprendín moitísimo das biológas que estudiaban as especies. Criabamos zamburiñas, vieiras e volandeiras. Botabamos cuns colectores e pegabanse ás bateas e crecían. A bióloga preguntábame: "¿Javier, cantas pensa que creceran?". Eu que non tiña nin ide respondíalle: "Creo que ningunha, non se ve nada, seguro que se esparceron polo mar e non quedaron nas bateas". Sorría, vía polo microscopio e dicíame: "Pois si que hai, mire, mire..." E alá vía eu e si, moitísimas quedaban pegadas, moi pequenas e ían crecendo.

- Desde a súa experiencia, ¿nota moita diferenza entre o traballo no mar antano e hogano?

- ¡Home claro! Hoxe vívese mellor, a xente ten máis riqueza que antes. Este xa é outro mundo. Agora ben, antes vivíase mal, había situacións difíciles, pero na rúa había seguridade, as portas estaban abertas todo o día e iso bótase en falta. Agora a ninguén se lle ocorre facelo.

- Por último, ¿que lle aconsellaría a xente máis moza?

- Pois que non esquezan o que lles ensina á vida, que é tan importante ou máis que calquera escola ou universidade.