A Feira do Libro de Cangas consolídase como unha das citas culturais do verán na comarca. O mércores comezará a 9ª edición, na que se instalarán dez postos de editoriais e librerías -entre elas, de Cangas, Bueu e Marín- e que conta cun amplo programa de actividades e animación á lectura nun momento en que o sector está a facer frente á crise cun incremento de vendas de entre o 10% e o 15%, segundo sinalou onte, na presentación, Antonio Fernández, na presentación do evento co edil de Cultura, Xosé Manuel Pazos.

A feira abrirá ás 11 da mañá. A inauguración oficial será ´ás oito da tarde co pregón de Xosé Vázquez Pintor, que logo presentará o seu último libro, "Para dicir abril", acompañado de Ánxela Gracián, da editorial Sotelo Blanco. Cun sorteo de libros, que se repetirá cada xornada, pechará o primeiro día.

Nas xornadas seguintes haberá obradoiros e xogos para nenos pola asociación Ameneiro; o espectáculo de contos e maxia "Contaxia", con Fátima e o Mago David; firma de exemplares de "Las hijas del César", de Pablo Núñez; recital narrativo-musical de Xosé Carlos Caneiro sobre "A vida nova de Madame Bovary"; contacontos de Servando Barreiro e Pavís Pavós; e charla coloquio sobre "Novas verbas", con Antonio Vallejo e Marisol Iglesias. A asinación de libros por Fina Casalderrey e un monólogo cómico de Cándido Pazó pecharán feira o domingo .