Cela e o tinta femia reviven o seu idilio

06.07.2008 | 00:00
Os veciños foron enchendo a carpa da Festa do Tinta Femia ó longo de todo o día de onte. / gonzalo núñez
Os veciños foron enchendo a carpa da Festa do Tinta Femia ó longo de todo o día de onte. / gonzalo núñez

O xornalista buenense e subdirector de FARO, Jesús Portela, foi onte o encargado de ler o pregón inaugural

Cela non sería o mesmo sen o viño tinta femia. Este caldo é, para esta parroquia, o equivalente á poción máxica que facía invencibles ós habitantes da irreductible aldea gala das historias de Astérix e Obélix. Así se encargou onte de lembralo o pregoeiro da undécima Festa do Tinta Femia, o xornalista e subdirector de FARO DE VIGO, Jesús Portela.
O entorno do Igrexario volveu encherse de vida, animación e de veciños de toda a comarca do Morrazo, dispostos a dar boa conta deste viño. Iso si, acompañado dunhas boas racións de polbo, empanada, churrasco ou chourizos. O pregoeiro encargouse, tras afirmar con toda rotundidade que "Cela é unha terra bendita por un Ser superior", de louvar no seu discurso a organización e ós colleiteiros que fan posible semellante celebración. "O éxito destes caldos é o resultado do traballo arreo de moita xente; xente que creu no producto que coidaba nas súas viñas; xente que loitou por ofrecer ós seus clientes e amigos un viño que foi mellorando co paso do tempo e que hoxe pode estar nas mellores mesas de casas e establecementos hosteleiros sen ningún tipo de vergoña", destacou Portela.
Tamén é necesario que exista boa xente, "traballadora, acolledora e servicial", porque aló onde hai "boa terra e boa xente, sempre hai algo bo que ofrecer ós demais". E ese algo bo de Cela é o tinta femia, un viño que "pode resumir todo o bo que ten Cela; unhas viñas e unhas uvas coidadas con agarimo para ofrecernos un viño único e distinto".
Jesús Portela non puido evitar no seu pregón rememorar algunhas das experiencias da súa mocidade, cando os mozos de Beluso ían as festas de Cela. Despois de bailar, e probar "aqueles mexilóns con pelos", pola noitiña "acudíamos en compañía de femia a visitar as viñas darredor do cemiterio para comprobar, coa nosa compañeira, como estaban os racimos e como viría a colleita próxima". Tras semellante recordo, non puido menos que expresar o desexo de que algún día "se nos recorde polo noso traballo en parella como vixiadores destas viñas".
O pregoeiro explicou ante a audiencia a orixe do nome deste caldo. "Tinta, porque este viño é sangue das viñas e uvas da terra de Cela, ben coidadas e ben regadas. E femia, é dicir, muller, compañeira, acougo, vitalidade". Neste punto, Jesús Portela resaltou a labor das mulleres, porque "foron elas as que o cultivaron e coidaron, porque os seus homes traballaban no mar". Como non podía ser doutro xeito, o pregón rematou cos obrigados "Viva Cela. Viva o seu viño. Vivan as súas femias".

 

Calendario laboral y escolar 2017/2018

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2017/2018 .

 

Enlaces recomendados: Premios Cine