Vintecinco anos son a vida dunha rapaza visitada debido o seu talento e proxección por amigos de outras culturas, de ollos escuros, ollada penetrante coma os focos de luz filtrada en vermello na escena. A súa tez morena polo sol do público cangués, sempre agarimoso, aló perto da praia de Rodeira.

Chámase Mostra Internacional de Teatro Cómico-Festivo. máis en concreto neste ano, neste xullo, o día 3, hoxe, ábrese a XXV Mostra. A moza creceu á beira dos cines como o Avenida, o Calvar, o Galaxias, pasando polas carpas anegadas de auga, até o auditorio municipal. Foi a escola, aprendeu e segue a estudar, abríndose camiño nunha loita xenérica continua, e por moitos anos, pois que o teatro, en tódalas súas vertentes tivo que abrirse paso contra prexuízos e a frase mortuoria e exemplificadora: "Iso é malgastar os diñeiros e o tempo".

Escoito a Pazos, actual concelleiro de Cultura e precursor da Mostra, dicir cando se lle pregunta polos comezos da mostra: "Pero,¿ti sabes canto tempo é iso", con retranca intrínseca e satisfaccion. Dío coa satisfacción reflectida na súa faciana.

O impulso e dignificación estivo sempre presente na xente, no pobo de Cangas onde o carácter "teatreiro", "da farándula" traxicómico que diría Calderón, esperpéntico que don Ramón María Valle Inclán, é parte e arte do día cotiá. Roberto Vidal Bolaño sentiríase orgulloso, deseguro: o amador superouse, esa pantasma¿cóma non ía valorar o teatro cómico festivo dende os seus comezos? Uns estes nada fáciles: "Coma todos os comezos non foron fáciles, porque nos axudaron económicamente, dende a Dirección Xeral de Cultura, dirixida por Xosé Luís Álvarez Pousa, mais non había a infraestrutura que hai agora". comenta Pazos. A actriz Casilda García confírmao: "Énchenos de orgullo e satisfacción, de alegría poder facer outro ano máis a Mostra, e amais podela facer nesta situación, con este auditorio, con esta profesionalidade".

Dionisios mediante, ao que se lle atribuíu o don divino da teatralidade e protector da traxedia, forma orixinaria da Hélade tivo en consideración axudar a esta Mostra. Amosa dende hai vinte e cinco anos, valia a reiteración, a liberdade, a relixión, a violencia social, de xénero e estrutural, a avaricia e outros temas a través da comedia por unha causa: entreter. Outra volta de torca con esta ferramenta e mais valor engadido.