Arredor de 600 participantes agárdanse na Festa do Deporte Galego que se celebra o domingo na Alameda Vella de Cangas, organizada pola asociación Aspamsim, a peña ciclista Bike ou non Vai e a Fundación municipal Cangas Deporte, coa colaboración dos Club Ciclista Cangas e o Cinania e tenis de mesa e supervisada pola Fundación Deporte Galego.

No programa de actividades, que foi presentado onte pola concelleira de Deportes, Antonia Queimaño, e a coordinadora-educadora de Aspamsim, María González, destaca a xornada de integración no deporte de persoas con discapacidade, que abrangue varias varias modalidades repartidas en tres zonas. A primeira estará orientada a discapacitados físicos sen mobilidade, que xogarán ó tenis de mesa e á petanca. Na segunda haberá xogos destinados a discapacitados sensoriais (cegos e xordos), e na terceira xogarán os discapacitados psíquicos, que participarán tamén nunha proba de ciclismo. O programa inclúe tamén unha proba ciclista de bicicleta de montaña.

A proposta pretende avanzar na integración das persoas e demostrar que o deporte é unha importante vía para logralo.