Diversas variedades de corvos mariños e gaivotas, biluricos, virapedras, gabitas, chascos, paxaros do demo, merlos, carrizos, tapullos, rabirrubios, verderolos, pardais, anduriñas, lavancos, galiñolas... Tan sonoras especies habitan ou pasan de xeito circunstancial polo espazo natural de Punta Balea, que esta fin de semana visitou unha expedición de nenos e nenas da ludoteca de Cangas co asesoramento de membros do grupo de anelamento Anduriña.

O percorrido tiña como obxectivo coñecer os diferentes hábitats naturais que se poden atopar neste contorno próximo de grande diversidade biolóxica, ainda que descoñecido para boa parte da poboación a pesares da cercanía co centro urbano. Para levar traballo adiantado, os cativos repasaron ó longo da semana as características da zona e das especies que se poderían atopar, e así puideron aproveitar mellor o tempo sobre o terreo.

Xa en Balea, puideron observar, escoitar e mesmo achegarse a algunhas das especies propias deste espazo, sobre todo aves. Comezaron polas vencelladas ó medio mariño, entre as que se atopan as limícolas, que se caracterizan polas patas e peteiros longos que lles facilitan alimentarse nas praias e rochedos. Tampouco faltan as especies migratorias, que só visitan esta zona coa chegada do bo tempo, como é o caso da anduriña, que acaba de chegar de África e protagoniza un verdadeiro espectáculo de vóo acrobático sobre a lagoa. Ou aquelas máis habituais, como a galiñola común, que permanece todo o ano habitando na lagoa.

Ademais de convivir de preto coas especies, os nenos e nenas puideron aprender hábitos que convén desterrar, como o de levarlle pan aos patos, xa que deste xeito as femias prescinden de ensinarlle ós parrulos o xeito de procurarse a comida natural.