As imaxes complementan os testemuños da memoria para conmemorar o 75 aniversario da proclamación da II República. Os colectivos pola Memoria Republicana do Morrazo, Cangas pola Memoria Común e Sociedade Galega pola República, coa colaboración da Concellería de Cultura de Cangas, organizan o ciclo "Imaxes da Memoria", un ciclo de películas e documentais que se celebrará no Auditorio durantes as tardes dos catro vindeiros domingos (13, 20 e 27 de abril, e 4 de maio). Todos eles teñen como lazo común a temática que os sustenta, e tamén o ter sido rodadas en Galicia ou protagonizados por galegos.

A primeira proxección será este domingo ás oito da tarde. Trátase de "Santa Liberdade", de Margarita Ledo Andión e na que participan persoas de Cangas, como Carmiña Graña ou Martín Cordeiro, que sofriron dalgún xeito a represión franquista. Tamén haberá protagonistas cangueses na seguinte proxección, unha sesión doble o domingo día 20 cos documentais "Manolo Barros, un rebelde de aceiro", de Cuchi Carreira e Gonzalo Amoedo; e "Cólera", de Manuel Forcadela e María Xosé Queizán. O ciclo continuará o día 27 co filme "Liste, pronunciado Lister", de Margarita Ledo Andión, e rematará o día 4 de maio coa proxección do documental "Exilios", de Xan Leira.

Na presentación pública do ciclo, que tivo lugar onte no concello, participaron entre outros representantes dos colectivos organizadores, Xosé Collazo, Martín Cordeiro e Domingo Gallardo, así como o concelleiro de Cultura, Xosé Manuel Pazos, ó que lle agradeceron a colaboración municipal. Collazo explicou que "Imaxes da memoria" contará cos directores, realizadores ou protagonistas dos traballos, e será complementado por unha cea de confraternidade, para a que aínda non se fixou data. Pola súa banda, Pazos sinalou que a iniciativa "nace con ánimo de continuidade", e que desde o concello están dispostos a seguir apoiándoa. Os colectivos pola recuperación da memoria xa teñen protagonizado outros actos, como o monumento ós mártires de Anguieiro ou a conferencia do escritor Eduardo Haro Tecglen.