Xosé Carlos Villaverde / MOAÑA

O C.D. Meira, formado en 1959, é o primeiro equipo federado de Moaña; pouco despois será o Domaio. Ambos clubs quedaron rexistrados na categoría de modestos da zona das Rías Baixas. A pesares de ter bos equipos, xamais poderon ascender de categoría por carecer de campo fechado en condicións e con bancadas. Nese ano de 1959 e antes de principiar a liga, o campo da Moca foi inaugurado cun partido entre o Meira e unha selección do R. C. Celta. (Rfa. Jesús Piñeiro Jalda).

Sobre os anos 70, o C.D. Meira desapareceu, quedando o Domaio como único respresentante do municipio. O Domaio C. F., que sempre mantivo unha continuidade dende a súa formación, mantendo un nivel digno nos diferentes grupos que participou. Sen dúbida, un referente para súa parroquia. Así e todo, a historia deste club remóntase o ano 1946, cando os directos, socios, xogadores veciños e afeccionados, traballaron arreo e con ilusión a pico e pa no campo de A Granxa, o cal bendicido ante unha enorme concurrencia para observar a confrontación entre o Domaio F.C. e unha selección viguesa formada polo famoso perruqueiro Minguela. (Rfa. Tucho Ferradás).

A instancia da Confraría de pescadores de Moaña, proxectouse o secadeiro de redes nos dunares da Xunqueira que foi contratado en marzo de 1960 ó polifacético, canteiro, pintor e escultor de Cangas Antonio Nores Rial, nunha obra de 2.500 m2 cubertos por postes de granito fincados en filas de catro metros de separación por 5.130 metros de rolos de pino. (Rfa. C.P.T.O.V.P. Arquivo de Portos de Galicia. Pontevedra).

Dende que se deixou de practicar o futbol tamén foi aproveitado para ampliar tendedeira de rede, ata que desapareceu a práctica totalidade da flota da ardora. Entón os postes foron reutilizados como balaústres nos recheos da Seara e da Praza.

En 1977, un grupo de persoas procedentes de varios estamentos sociais do concello reúnense en comité cara á formación dun club de fútbol. En xuño quedan redactados os estatutos para ser aprobados oficialmente en septembro. A necesidade de contar cun terreo de xogo, obriga á Corporación a formalizar a Xunqueira como campo municipal dotado de vestiarios, duchas, baños, local social e parte do feche. Muros que foron ampliados por iniciativa da directiva do novo club ata o cerramento total. O día de San Bartolomeu de 1977 quedou inaugurado o campo cun partido entre o C. D. Moaña e Alondras C.F. gañando este último por un gol a cero. Transcurridos 25 anos, celebráronse as vodas de prata entre os mesmos equipos, onde se deu o mesmo resultado pero, nesta ocasión, favorable ós locais. (Rfa. C. D. Moaña. WIKIPEDIA).

A Autopista do Atlántico

Coa construción da Autopista do Atlántico, interesaron as sobras das terras para seguir cubrindo o areeiro da Xunqueira. De feito a partir de 1980 prodúcese unha cuberta sobre a area, separando a praia por un paseo de baldosas, cemento e madeira, moi utilizados por deportistas e veciños para facer exercicios de marcha. De aí que a ruta continuada dende O Con ata San Bartolomeu recibira o nome popular do "Paseo do Colesterol".

Sen lugar a dúbidas, o conxunto da Xunqueira é un lugar privilexiado, sobre todo para mocidade, pois nel practican o deporte as diferentes categorias do C. D. Moaña, cun equipo senior na Rexional Preferente, e dous equipos por cada rango de xuvenís, cadetes, infantís e alevíns, así como a Escola de Fútbol Base Moañesa.

A sección de fútbol da S. D. Samértolameu, tivo unha efémera participación compartindo o mesmo campo co C. D. Moaña dende 1979 ata 1984, aínda que os adestramentos tíñanos que facer no campo da Granxa en Domaio. (Rfa. Revista "25 anos da historia 1979-2003 da S.D.C. Samertolameu").

A Xunqueira resultou un multiusos aberto para a práctica doutros deportes como o atletismo que dende o ano 1979 a S. D. Samertolameu ven desenvolvendo ininterrumpidamente con adestramentos e probas. Grande exemplo para o pobo.

Os clubs de remos tamén usan a zona para a preparación e os colexios celebran as olimpiadas escolares. Precisamente a proximidade dos colexios son utilizados para campamentos urbáns no verán ou para acoller grupos folclóricos que participan en diferentes acontecementos como o Intercéltico ou a Semana do Mar, xa que en varias ocasións aproveitaron a Xunqueira para celebrar seus eventos.