O aceite usado de fritir as patacas e que ía a parar ós sumidoiros sirve agora para alimentar o tractor que as sementa. Esa é a filosofía que move unha experiencia pioneira no colexio do Hío, onde os alumnos colaboran na recollida de aceites domésticos e no seu traslado a un contenedor ubicado no propio centro para ser sometido a un proceso de transformación que acabará por convertilo en biodiésel. Os impulsores da iniciativa xa están aforrando enerxía e cartos utilizando este combustible para os seus propios vehículos, e a intención é alimentar tamén as caldeiras da calefacción cando se acaden cantidades suficientes.

"Trátase dun dos proxectos que complementan os nosos programas de recuperación de residuos", afirma o director do CEIP, Claudio Lamosa, que agarda que os rapaces sirvan de intermediarios coas familias da parroquia para canalizar diariamente os aceites domésticos que xa non se utilicen, así como protagonizar este método de aproveitamento enerxético. E a proposta, como tantas neste centro, parece ter éxito, porque algúns nenos xa depositaron onte, o mesmo día da súa posta en marcha, algunhas botellas de materia prima que acabará por converterse en biodiésel.

¿E que pasos segue este labor de alquimia? "Mistúrase o aceite con sosa e alcohol metílico, e mantense a 50º durante unha hora. Logo decántase e de aí sae glicerina e biodiésel", explica Óscar Monteagudo, psicólogo e coidador de rapaces no colexio, que xa está a utilizar este combustible no seu propio coche, pois xa leva persoalmente coa experiencia desde hai tempo. E con resultados satisfactorios, xa que mellora a potencia polo maior octanaxe e os mecánicos asegúranlle que mesmo o motor está máis limpo que cos combustibles convencionais.

Os responsables do centro educativo ven nesta iniciativa a solución a un problema ecolóxico ademais dun beneficio económico. Pensan convidar ós pais e nais para explicarlle o proceso e promover a súa participación, xa que os aceites usados teñen un destino máis axeitado lonxe das tuberías dos fregadeiros.