Neste país falar en galego é un acto heroico", constata Montse Irago, a muller que denunciou a unha auditoría de Pontevedra por vulnerar os seus dereitos lingüísticos despois de que, segundo asegurou onte, a despedisen por falar en galego no seu posto de traballo. Irago, de Agolada, compareceu onte ante os medios acompañada do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, e denunciou que foi contratada en probas por unha asesoría da cidade do Lérez en marzo. A súa xefa deixoulle claro, explicou, que "no puedes hablar en gallego con los compañeros, mucho menos con los clientes".

"Díxome que iso estaba prohibido", sinalou Montse Irago, "que ela tiña unha norma e que moito menos podería escribir en galego". Outras normas que lle expuso a súa xefa, sempre segundo a versión de Irago, foron a de usar tacóns, traxe e "un toquecito de maquillaje". A denunciante asegura que en todo momento "a miña flexibilidade foi total: falei castelán pero non sempre, porque teño un costume adquirido, e á semana recibín a carta de despido". O despido fundamentouse en que Montse Irago non superara a fase de proba, se ben a afectada asegura que, como non confiaba nesta versión, "entrei no despacho e díxome: ya te dije que no hablaras en gallego".

Montse Irago negouse a facilitar o nome da asesoría na que foi contratada -teme que a súa denuncia pública acabe por prexudicala máis laboralmente- e indicou que se trata dunha empresa "con moitos clientes e moitos deles falan en galego". A traballadora suliñou especialmente que "eu nunca esixo que se me fale en galego, pero o mínimo que pido é que se me respete". Preguntouse de seguido por qué ten que falar castelán canto os interlocutores a entenden en galego "¿E por qué o meu idioma é menos digno cando a miña familia o fala dende hai séculos?", engadiu.

A Mesa pola Normalización Lingüística non considera que este caso sexa un feito illado. Falou Carlos Callón de empresas do textil e hipermercados que dan aos traballadores consignas de falar en castelán ós seus clientes galegos, de que en Lugo un veciño vai polo quinto notario que se nega a redactar a compra-venda do seu piso na lingua da Comunidade e dun MacDonalds "onde se di claro que non se fala en galego".

Tolerancia cero

A denuncia interposta no Xulgado do Social por Montse Irago será analisada polo xuiz o día 28 de xuño. Trátase dun recurso fundamentado na vulneración dun dereito fundamental e no que se esixe a readmisión da traballadora. Irago soamente traballou unha semana na asesoría e onte recibiu o apoio da Mesa pola Normalización, organización que reclamou que haxa "tolerancia cero coa discriminación lingüística". Cando se incorporou á asesoría de Pontevedra, procedía "dun posto idéntico, na entrevista de traballo coa miña xefa, ao final, preguntoume por qué falo galego... Dixen en todo caso que non tiña inconvinte en falar en castelán e así o fixen".

Por último, Carlos Callón pide que os cidadáns se sumen á manifestación convocada para o vindeiro día 17 en Compostela.