A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria sufragará o desprazamento da Banda de Música Municipal de Silleda ao Certamen Internacional Ciudad de Valencia, que se celebrará entre os días 19 e 23 de xullo. Así llo transmitiu o seu titular, Román Rodríguez, na reunión que mantivo o pasado venres cos representantes da formación trasdezá, José Herminio Gómez Frade e José Antonio Vidueiros Sánchez. No encontro participou tamén unha delegada da Banda La Lira de Ribadavia, que tamén acudirá ao prestixioso certame.

O departamento autonómico confirmou ás dúas agrupacións o seu apoio para costear o medio de transporte no que viaxen ao concurso. A Banda de Silleda tomará parte na sección primeira do mesmo, mentres que a ribadaviense farao na terceira. O Ciudad de Valencia é un dos certames de bandas máis importantes do mundo e ten como finalidade fomentar e estimular a actividade musical como parte fundamental do patrimonio cultural, coa intención de achegar á cidadanía unha rica programación.