Poesía e música tradicional capitalizaron as principais actividades organizadas onte na comarca co gallo do Día das Letras Galegas. En concreto, tiveron lugar en Silleda e Rodeiro, pois Lalín e Agolada programan actos para os vindeiros días, mentras que por Vila de Cruces e Dozón a celebración pasou con máis pena ca gloria.

Contra o mediodía, María Lado foi a encargada de impartir un obradoiro de poesía na Casa da Cultura de Silleda, con asistencia, finalmente, de 16 persoas, maioritariamente nais con fillas de curta idade. De feito, a actividade estaba especialmente dirixida aos cativos a partir de 5 anos. No obradoiro falouse do libro 5 minutos, un álbum da propia autora ilustrado por Nove Noel e editado por Auga, e tamén do tempo e da lírica, co fin de que os propios cativos descubrisen se teñen ollos de poetas e vocación para armar versos.

Xa pola tarde, Silleda acolleu o VIII Festival de Música Tradicional, coa participación de oito agrupacións: Aires do Trasdeza, do Colexio María Inmaculada; Pandereteiras A Xariza de Parada; Os Carqueixas de Lamela; Gaiteiros A Pereiriña de Ansemil-Martixe; Pandereteiras de Siador; O Son da Fervenza de Escuadro; Os Sin Son Ghaiteiros; e a Aula Tradicional da Escola Municipal de Música de Silleda, organizadora en colaboración co Concello, a Deputación e varias empresas locais. A cita deu comezo contra as seis da tarde na Praza Siñor Afranio, diante da Casa da Cultura, coa interpretación en conxunto do Pasodoble de San Roque, para poñer logo rumbo, pasarrúas incluido, ata o auditorio da Feira Internacional de Galicia (FIG). Alí, sobre o escenario, tiveron lugar as actuacións das diferentes formacións.

A música tradicional do país foi tamén protagonista onte á tardiña en Rodeiro. No Centro Cultural Manuel Lamazares tivo lugar un festival organizado pola Coral Polifónica de Rodeiro, que interpretou temas relacionados coa festa das Letras Galegas. Esta undécima edición contou coa colaboración de Concello, Xunta, Deputación, Fecoga, Asociación de Empresarios e Comerciantes de Rodeiro e Construcciones Roxo.