O Serán das Letras Galegas encherá mañá de música o espazo que hai diante da Estatua de Loriga. Desde as 19:00 horas, e coa presentación de Celso Fernández Sanmartín, actuarán as agrupacións de pandereteiras de Zobra, Ailola, Os Trasnos de Doade, A Carballeira de Cercio, Ponte da Prata de Botos, Os Dezas de Moneixas, As Maruxeiras de Vilatuxe e Carballo da Manteiga. Amais, o gaiteiro Plácido Rozas recibirá a Pandeira de Honra. A xoldra continuará cunha foliada libre. Tamén nas rúas de Lalín, no Km 0, pasadomañá, ás 20:00 horas, terá lugar un concerto da Banda de Vilatuxe.

Mulleres nas letras, na música... na diversidade é o título da festa argallada pola Eira da Xoana para mañá despois do mediodía. Non faltarán presentacións de libros, palestras, música, poesía, teatro ou contos. E, sen saír de Agolada, no seu auditorio terá lugar o domingo, ás 13:30, un concerto da Banda Municipal coa colaboración do grupo de baile e as pandereteiras de Bico da Balouta.