Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A feira do 17 clama por un rexurdimento

Feirantes, comerciantes e veciños de Cruces coinciden no retroceso da segunda cita mensual

O grupo de gaitas Punteirolo marcou o ritmo. // Bernabé/Javier Lalín

O 3 e o 18 de Lalín, o 12 de Agolada ou o 4 e o 17 de Vila de Cruces eran citas que estaban marcadas nos calendarios de moitas casas da zona. As feiras tradicionais eran a ocasión perfecta para levar o gando, comer o polbo e volver á casa a pé ou no autobús mixto, que compartían cos animais que no tiveran a sorte de ser puxados. Vila de Cruces celebrou onte unha das súas, a do 17, que, como cada maio, cae en festivo debido á celebración do Día das Letras Galegas. Os postos de produtos agroalimentarios, así como de roupa e calzado, ocuparon a Praza Juan Carlos I e algunha rúa anexa, pero a xente non foi madrugadora e as rúas non empezaron a animarse ata o mediodía. O festivo e o bo tempo foron os aliados perfectos para atraer á xente a Vila de Cruces, aínda que os negocios estiveron a anos luz de facer o seu agosto.

Na praza onde se colocan as verduras e hortalizas nin chegaba a media ducia de puntos de venda de pementos, tomates e cebolo, os produtos estrela para plantar nesta época nos porrais. Os postos máis concorridos foron o das rosquillas e o dos churros, gastar un ou dos euros neles xa é toda unha tradición na que a idade é a de menos. Os comerciantes, tanto os dos negocios locais que onte abriron as portas todo o día, como os postos ambulantes coincidían en que si había máis ambiente con respecto a outros días 17, pero en canto ás vendas comentan que a xente está remisa a gastar. "Sen dúbida a feira do 4 é mellor cada do 17, será porque a xente aínda ten cartos ao ser principios de mes, e tamén xúntanse máis postos", comentaba un comerciante, cuxa opinión comparten os demais e a xente da pé.

Tamén, os máis maiores que se acercaron onte a Vila de Cruces falaban con morriña do que era antes esta feira na que a agora inexistente feira do gando era o maior reclamo. "Agora cambiou o sistema, nada ten que ver co que era fai anos. Nós preferimos vir mercar calquera outro día. Hoxe vimos por ver algo e sobre todo, é un día para reencontrarnos con moita xente", indicaba unha parella cruceña que estivo emigrada en Francia.

Aínda que o decaer das feiras é xeral, os comerciantes e os cidadáns sinalaban que a de Cruces sófreo a pasos axigantados e que é preciso botar man para que non se extinga. "Nós levamos 30 anos asistindo a esta feira .Este é un negocio familiar que pasa de xeración en xeración, e duns oito anos para aquí estamos vendo un retroceso importante nesta feira, moito máis que en calquera outra, pero non sabemos a que é debido. De feito, aquí ao lado, en Touro, que é un concello máis pequeno, hai moita afluencia de xente, non sei se é porque lles poñen autobuses á xente maior, pero o que si é que é necesario que fagan algo para evitar que ésta se perda", indica un comerciante de Camporrapado.

Outro dos postos estrela que non poden faltar nunha feira tradicional é o do polbo. Aínda que hai quen se decanta por unha tapa a media mañá a gran maioría prefire agardar ao xantar. "De vendas non sabemos como será, pero polo menos vemos máis xente ca outros 17", indicaba a media mañá unha polbeira do Carballiño. Nisto tamén houbo cambios: a xente antes comían na propia feira "pero hoxe a gran maioría prefire levalo para casa porque sae máis barato e porque se pode tomar máis dun vaso de viño se se quere".

Neste pulo tan demandado para a feira e para os negocios locais xa traballa a Asociación de Pequenos Empresarios de Cruces (APEC) que segue dando pasos para a súa constitución e que onte organizaron diversas actividades para atraer xente ata o municipio ao longo de toda a xornada.

Compartir el artículo

stats