Dentro da programación cultural de Silleda, o vindeiro xoves, co gallo do Día das Letras Galegas, terá lugar o VIII Festival de Música Tradicional do Concello de Silleda. Nel participan oito grupos do municipio; Aires do Trasdeza (do Colexio Plurilingüe María Inmaculada); as pandereteiras A Xariza, de Parada; o grupo de gaitas Os Carqueixas, de Lamela; os gaiteiros A Pereiriña, de Ansemil-Martixe; as pandereteiras de Siador; O Son da Fervenza, de Escuadro; Os Sin Son Ghaiteiros e a Aula Tradicional da Escola Municipal de Silleda.

Os grupos sairán ás 18.00 horas da Casa da Cultura despois de interpretar, entre todos, o Pasodoble de San Roque, para comezar media hora máis tarde as actuacións no auditorio da Semana Verde.

O Festival, que organiza a Escola de Música de Silleda en colaboración co Concello, deu a coñecer onte a súa programación da man da coordinadora de dita aula tradicional, Rocío Mosquera; e a concelleira de Cultura, Ana Luisa González Costa. Rocío Mosquera, durante a súa intervención, lembrou que esta xuntanza comezou coa Feira de Reis, e que despois se pasou ao Día das Letras. Sinala que "para moitos dos grupos é ademais a única vez que por motivos de axenda poden actuar durante o ano na vila de Silleda". Por iso, igual que pasou na edición de 2017, esta vez tamén se sacará a música tradicional á rúa para darlle un aire festivo á xornada. Mosquera tamén fixo fincapé en que "é moi importante que nun concello como Silleda, onde hai 11 grupos de música tradicional, se celebren este tipo de festivais". Hai que sinalar que esta case ducia de formacións musicais teñen unha presenza moi marcada nas festas da maioría das parroquias de Silleda así como nos seus eventos gastronómicos, sobre todo desde a posta en marcha do concurso Nas festas somos máis, vinculado á campaña de empadroamento.

Obradoiro poético

Sen embargo, o festival de Música Tradicional non será a única actividade que se poña en marcha o vindeiro xoves para conmemorar o Día das Letras. Na Casa da Cultra, pero en horario de mañá (a partir das 12.00 horas) a poetisa ceense María Lado impartirá un obradoiro de poesís para nenos de cinco anos en diante. Lado xa visitou as terras trasdezás o ano pasado, con motivo das performances que ofrece o programa provincial Violencia zero, promovido desde a Deputación provincial.