Ao longo do acto tamén interviron o procurador Manuel Ceán, un funcionario dos xulgados, José Luis Rodríguez Jácome, e Teresa Varela, en representación do Concello de Lalín. Ceán lamentou que houbera que facer este acto de homenaxe, "porque o normal tería que ser facer sentenzas en galego". A pesar dos cursiños que se organizan e de formularios no noso idioma, á hora da verdade "apenas se emprega". Ceán, tamén galegofalante, lembrou cómo foi escolarizado en castelán e como, conforme avanzaba na súa formación, se atopaba con cada vez menos galegofalantes ata o punto de escoitarlle a un catedrático "hábleme usted en cristiano". Rodríguez Jácome insistiu na necesidade de que a xustiza se convirt "nun sevizo público áxil e de fácil acceso" para os galegofalantes. Pola súa banda, a edil de Facenda de Lalín, que tamén exerce como avogada, recoñeceu que tamén coñece de primeira man as dificultades que atravesa o galego na vida xudicial.

Varela asinou un documento no que se comprometía, como representante de Lalín, a fomentar desde a administración local o uso do galego en todas as tramitacións, un vínculo que tamén suscribiron o alcalde de Rodeiro, Luis López, e o de Vula de Cruces, Jesús Otero. No evento tamén estiveron presentes membros do goberno, como a edil Celia Alonso, da oposicion política, como a concelleira María Álvarez, amén de numerosos traballadores vinculados á xustiza e, en xeral, cidadáns comprometidos co idioma para os que o uso do galego vai máis alá do 17 de maio ou do 24 de febreiro. Non puido faltar a interpretación do HImno Galego a cargo do gaiteiro Alberto Granja.