A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago investiu un millón de euros para acometer unha reforma na área de consultas externas do servizo de oftalmoloxía situadas no primeiro andar do Hospital Médico Cirúrxico de Conxo.

Segundo o xefe do servizo de oftalmoloxía da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago, Francisco Gómez-Ulla, o obxectivo principal desta reforma "foi optimizar e modernizar a superficie dispoñible, adecuala ás necesidades actuais da oftalmoloxía para mellorar o fluxo dos pacientes e dotalos dunhas salas máis confortables".O resultado deste importante investimento son 21 consultas, 8 salas para exploracións especiais e tratamentos específicos nas que se realizan probas como autorrefractometría, campimetría, retinografías, etc, e tratamentos como fotocoagulación con láser ou inxeccións intravítreas en sala limpa. Hai un total de 3 salas de espera, amais de recepción e outras dependencias administrativas.

Estas novas instalacións teñen un sistema de aire acondicionado que garante unhas condicións ambientais adecuadas de temperatura e renovación do aire e tamén foron dotadas co mobiliario novo e aparataxe electromédica necesaria (microscopios, lámparas de endidura, columnas de refracción...)

"A xerencia decidiu acometer esta reforma dentro do plan de humanización, pois as instalacións debían adecuarse ás necesidades tanto dos pacientes como dos profesionais dun servizo cada vez máis demandado, polo que pasan a diario uns 400 usuarios, e que acusaba o paso do tempo", explicou Eloína Núñez, xerente da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago quen visitou, xunto ao xefe do servizo, as novas instalacións.

O total de consultas realizadas no 2017 polo servizo de Oftalmoloxía na Xerencia de Xestión Integrada de Santiago foi de preto de 78.000 e rexistrou un incremento con respecto ao 2015, en primeiras consultas, dun 14%. As consultas de alta resolución aumentaron un 27%, 16.000 en total. A actividade de probas e consultas de unidades especiais pasou de 84.000 probas en 2015 a 98.500 en 2017. Destaca a realización de campimetrías, ecografías, biometrías, topografías corneais, tratamentos con láser ou inxeccións intravítreas. Estas últimas son o tratamento ambulatorio máis frecuente, pasando de 2.000 no 2015 a 3.500 no 2017 e está previsto que seguirá aumentando nos próximos anos. O servizo de Oftalmoloxía ten os dous únicos CSUR é dicir, que son referencia acreditados polo Sistema Nacional de Salud: O CSUR de tumores intraoculares do adulto e o CSUR para a reconstrución da superficie ocular complexa. Para iso é preciso dispoñer dun persoal cualificado e de gran excelencia profesional, que garanta unha atención de alta calidade e eficiencia.

Este servizo tamén realiza tarefas docentes e investigadoras. Así neste último ano, 4 facultativos do servizo leron as súas teses de doutoramento e se publicaron 22 artigos nas mellores revistas internacionais, participaron ou coordinaron Guías de práctica clínica da Sociedad Española de Retina e Vítreo, e realizaron máis de 32 conferencias en congresos internacionais e nacionais e 8 proxectos de investigación financiados.