Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A ponte que non existe en Sexo, en Agolada

Foi onde moitos dos nenos de Sexo e Agra probaron por primeira vez a auga do río ao compás da música e bailes os días de festa

Pilar metido no río da vella ponte, co Muíño da Pena, ao fondo. // Á.U.

En todas as aldeas queda moita historia que contar e que irremisiblemente estase a perder día a día por que os nosos maiores, marchan co seu baúl de experiencias, recordos e vida. Vanse e non aproveitamos esa sabedoría, universidade cotián que foron as súas e irrepetible vidas. As casas quedan baleiras, en ruína de madeiras podres e pedras cubertas de silvas e xestas, e as súas voces, os seus pasos, as súas pegadas aínda resoan nos oídos dos ausentes, crónica triste de amores perdidos, de odios rematados, ledicias e tristuras, risas e bágoas, crónica dunha morte anunciada de vida e morte.

A aldea de Sexo (Agolada), "Sejo" -segundo a información da Enciclopedia Xeográfica do Reino de Galicia, de Carreras Candi-. Feligresía en la provincia de Pontevedra, Partido Judicial de Lalín, Diócesis de Lugo, Ayuntamiento de Agolada. Situado a la izquierda del río Ulla. Clima suave. Tiene 14 casas en la aldea de su mismo nombre y en la de la Costa. Iglesias parroquial (Santiago),está servida por un cura de entrada y provisión en concurso. Confina por el NO con la feligresía de Agra, y al SE con la de Berredo. El terreno es fértil y produce trigo, maiz, centeno, vino flojo, castañas, nueces, patatas y fruta, hay ganado vacuno y pesca de anguilas y truchas. Población: 14 vecinos y 70 almas.

Eu engadiría ademais que tivo escola unitaria, na que aprendían aproximadamente os trece nenos de Sexo, e máis os que viñan dende Agra, onde non había escola, como non podía ser doutro xeito, mixta de nenos e nenas, da que se encargaba unha mestra e que impartía as súas clases e transmitía os rapaces os seus coñecementos e educación, a ler, a escribir, a admirar a súa terra e as cousas do mundo xunto cos primeiros números e un vaso quente de leite e pan con manteiga de merenda .A ultima segundo me contaron, foi dona Maruja, que vivía en Brántega, practicamente ata os anos oitenta do século pasado, no que aquela escola pechou e os rapaces foron enviados ao CEIP de Agolada. A escola estaba na casa chamada a do Zapateiro, hoxe abandonada, coma tantas.

Sexo, é un claro exemplo do que está a suceder co noso rural, nas nosas aldeas, e o noso medio natural e sistema social de vida. Un libro aberto de historias por contar de xentes que marcharon para sempre, dun tempo pasado que non vai regresar. O Muíño da Pena, e a súa desaparecida ponte, a ponte que non existe, recorda e garda vivezas sen limite, de picardías e amores de mozas e mozos que as pretenden, de traballos e suores, de penas e sen sabores, de xogos de nenos na poza das pías, onde se non sabías nadar, aprendías ou afogabas, alí os rapaces reuníanse as tardes de verán para ir os peixes, e de tanto en tanto a por troitas, que daquela había ben delas.

Foi na poza onde pasou mesmo, aquel capítulo escuro de afogados, como recolle na memoria dos vellos a historia daquel ano oitenta, cruento final dunha xornada de pesca coma tantas outras antes. Accidente desgrazado, ou quen sabe se por rencillas entre ambas as dúas beiras do río, dos ríos; o Ulla, límite e fronteira as veces, e tantas nexo en común de xentes e pobos, coma fonte de disputas as veces.

Alí fora onde moitos dos nenos, hoxe adultos de Agra e Sexo, probaran por primeira vez as augas do río, ao compás da música e os bailes os días de festa grande, dos gaiteiros da terra que foron quen de manter o longo dos tempos o "Requinto", Requinta do Ulla, coma instrumento propio de seu, a voz calada dos montes e vales e o berro libertario e furioso das augas entre as penas, torrentes e fervenzas, pola que o río escapa. A Ponte da Pena no seu tempo daba paso e unía Santiso (A Coruña), con Sexo, lugar de Agolada (Pontevedra), na outra banda, salvando as frías e furiosas augas do Ulla que ten as súas fontes nos montes de Olveda, en Antas de Ulla (Lugo), e despois de atravesar as terras da Ulloa, pasa por Monterroso, entre o monte da Vacaloura e a serra de Ligonde, regando xenerosamente un marcado val, de carballeiras frondosas e prados de doce e serena maxestuosidade. transformándose logo nun río salvaxe nas torrentes de Mácara e Ramil, e recoller as augas que traen o Pambre e o Furelos, entre outros moitos regos e regatos, antes de someterse ao rigor do encoro de Portodemouros, que o domestica entre comportas de cemento e ferro.

Practicamente no seu tránsito ata o océano mais alá das Torres de Catoira, polas que os Normandos e Viquingos, entraban en pos dos tesouros de Compostela, marca limite xeográfico e fronteira natural entre A Coruña e Pontevedra.

No seu discorrer, o río supuxo o longo da historia, unha importante barreira natural, cos homes salvaban usando enxeño e pericia, ou ben con barcas ou con pontes, paso obrigado de camiñantes, viaxeiro, arrieiros e comerciantes que a pé ou en carruaxes, carros ou bestas e cabalaria, se facían os camiños. Na nosa terra entre Agolada e as veciñas terras de Santiso, atopamos deste xeito; A Ponte de Arcediago, os pasos da Cornella, a Ponte Mourazos, e a desaparecida Ponte da Pena. A Ponte Arcediago, separa San Xoán de Ponte Arcediago(Santiso), de Santa María de Berredo, en Agolada. Existe documentación escrita da existencia no ano 897 dun camiño que vía Melide, e Arzúa, levaba os camiñantes a Compostela. Posiblemente a súa data de fabricación foi no ano 1228. Hai que recordar que alí mesmo o Furelos se une ao Ulla. No Lugar da Ponte Cornella, significamos os pasos de pedra para salvar as augas do rio, xa que aínda que hoxe en dia existe unha horrorosa ponte de cemento, non hai constancia histórica de que nunca existira calquera tipo de paso ou ponte.

Ponte Mourazos. Construción do ano 862, sen dubida a ponte máis antiga de cantas existen documentadas no país. A súa pedra fundacional, que se atopa cara abaixo no leito do río indica: Era DCCCC ET TU IT PERFECTA X KLS M (AIAS) construíron esta ponte no ano 862 e rematouse o 22 de abril.A importancia desta pedra resulta extraordinaria, xa que tan so podemos falar doutras tres pontes, nas que existe constancia da súa fábrica orixinal deste xeito; Na Ponte Taboada, entre Lalín e Silleda, no camiño de inverno a Compostela, e nas pontes de Toiriz, e Losón, en Vila de Cruces, todos eles pontes medievais, sen dubida como ben recolle no seu estudio; Los Caminos Medievales de Galicia, a investigadora Elisa Ferreira Priegue, imprescindibles nas rutas e vías de comunicación daqueles tempos, e herdeiros das vías romanas. Por certo que no lugar de Mourazos, entre o Muiño e a Ponte, existiu un mazadeiro de liño, que era propiedade da casa de Talin, que tiña un canle polo que corría a auga e roda de tres orgos, onde se mazaba o liño despois do encorgado, ao parecer existiu tamén outro na Cornella, pero desafortunadamente non hai restos de ningún deles.

A Ponte da Pena. Tiña catro piares de mamposteria rematados en pico triangulares a xeito de tallamar, piso de vigas e táboas, con varanda nos laterais, tal e como o describe Xosé M. Broz, no seu libro; Santiso na terra de Aveancos . Foi derrubada por unha enchente do rio e xa non se volvera a reconstruír posiblemente ao existir xa pistas e por esmorecer a actividade do seu muiño, cuxo último muiñeiro fora o señor Xosé, que morreu sen fillos, polo que o traballo da moenda, case que sempre por un cuartillo do que fora, quedara ao cargo de dous dos seus sobriños. Este vello muíño pertencía a Casa da Pena, fundada no ano 1711 por don Juan Varela de Barrio, cura da Ponte Arcediago, Rairiz e Mourazos. Non puidemos obter datos fidedignos da sorte que correu a ponte definitivamente. Para uns foi por mor dunha enchente do rio que pasou por riba dela e levouna, para outros foi perdéndose de pouco a pouco, e deste xeito; Cando quedaran tan só as vigas porque xa podreceran as táboas, a xente e as mulas pasaban polas vigas, a modiño e con coidado de non caer, por aquel entón era o tempo do estraperlo e había que fuxir da Garda Civil, e andar polos camiños as agochadas, por onde cadrara. No catastro de Ensenada, figura recollido a existencia do Muíño da Pena, coa denominación de Muiño de Sexo, cunha ponte que comunicaba con esta mesma aldea polo outro lado do río Ulla. Foi o cura don Juan Varela de Barrio, quen no seu testamento o cita e deixa constancia documental da súa propiedade... Casa y lugar da Pena, con su palomar y heredades y montes, chousas, prados y molino, aguas de riego, arboles y plantados, cuia casa la hizo y fabricó el otorgante que tubo un coste de tres mil reales de vellón......en los molinos que hizo y fabricó en el río, junto a la puente vieja de Arcediago con sus canales (Protocolo 1825 del año 1704)".Información e datos recollidos no libro de Xose Manuel Boz Santiso na terra de Abeancos.

Paso obrigado nas comunicacións a Compostela; ou por Melide, ou por Arzúa, ambas Vilas no "Camiño Francés das terras do Apóstolo", o que pon de manifesto unha vez máis a importancia na historia e vida das xentes e vilas, do máis transcendental dos camiños da Cristiandade O Camiño de Santiago, a ponte de Arcediago e a de Mourazos, sen dubida foron dun incalculable valor e importancia, no devir destes camiños.

Ao día de hoxe da vella ponte da Pena, tan so quedan os restos sobre o Ulla, e na memoria dos veciños os recordos daquela ponte de vigas e táboas do que, debeu ser esta terceira ponte para salvar o río, e continuar camiño cara a Arzúa, prestando servizo ao mesmo tempo ao Muiño e a Casa da Pena, unindo pois deste xeito as terras de Sexo (Agolada), e Santiso (A Coruña).

A miña gratitude a Maika Sanchez Fuciños, Anxo Oro, Fina Lopez, Anxo L.Pumar, Xosé Manuel Broz e todos os que me contaron anécdotas, historias, e datos sobre o pasado desta ponte, e o seu muíño entre a Casa da Pena, e Sexo, da que lamentablemente a pesar dos meus intentos non fun quen de atopar fotos, nin no Concello de Agolada ou Santiso, nin na Casa Pazo da Pena, actualmente pechada, nin no arquivos do Museo Terra de Melide, nin nos arquivos gráficos e hemerotecas das bibliotecas da USC, e o Gaias da Xunta de Galicia, nin a través dos veciños de Sexo, vellos de agora e nenos daqueles tempos esquecidos, nin nos libros consultados; Mapas de Fontán, Dicionario de Madoz e Miñao, Geografía General del Reino de Galicia de Carreras Candi, Santiso na Terra de Abeancos, de Xose M. Broz, As Pontes do Ulla, de Henrique Neira, e a través da plataforma dixital Galiciana, a revista Vida Gallega, cos artigos elaborados por Heliodoro Gallego Arnesto.

Compartir el artículo

stats