Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Armando Requeixo: "O Casal de Vilancosta foi berce de admirables humanistas"

Preparou para a edición a crónica familiar elaborada por Carlos Ferreirós Espinosa que, baixo o título 'O legado dos Valladares de Vilancosta', se presenta mañá na Estrada

Cuberta de "O legado dos Valladares de Vilancosta".

Os irmáns Marcial e Avelina Valladares son,polo seu facer literario, os moradores con máis sona do Casal de Vilancosta, na parroquia estradense de Berres. A publicación de O legado dos Valladares de Vilancosta afonda na familia ilustrada galega á que pertencían, contribuíndo a achegar os transcendentes perfís do seu pai, o político e cartógrafo Xosé Dionisio Valladares; seus irmáns Serxio e Luísa, tamén escritores ou o político rexionalista Laurentino Espinosa. O libro é froito dos anos de traballo do profesor e humanista Carlos Ferreirós Espinosa quen, tras o seu retiro como catedrático, marchou a Vilancosta para adicar o resto dos seus días a escribir a crónica familiar. Foi preparada para a súa edición polo investigador Armando Requeixo, pertencente ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, entidade que publica a obra. Este legado preséntase mañá -20.00 horas, sala MOME- na Estrada.

-Asume a preparación de O legado dos Valladares de Vilancosta para a súa edición, facendo posible que vexa a luz o resultado de anos de traballo do profesor Carlos Ferreirós. Como chega esta tarefa e que supón?

-Todo xurdiu hai agora tres anos. Tivemos unha reunión as persoas que asinan o estudo introdutorio (Mercedes Brea, Chus Nogueira, Ofelia Rey e Juan Andrés Fernández), o secretario xeral de Política Lingüística (Valentín García Gómez) e eu e todos concordamos na necesidade de dar a coñecer tan valiosa monografía, correspondéndome a min a responsabilidade da súa edición, o que fixen en calidade de investigador do Centro Ramón Piñeiro, que é quen publica o libro.

Por tanto, ver publicado esta obra supón para min unha gran satisfacción, non só polo feito de axudar a recuperar un texto de tanto interese para o mellor coñecemento dunha das familias ilustradas máis importantes de Galicia, senón tamén porque tiven a sorte de poder contar coa axuda de colegas moi profesionais que, doutra parte, se sentían moi identificados co proxecto como estradenses.

-Como foi o traballo que realizou o profesor Ferreirós?

-Abraiante. Ao longo dos seus últimos anos e ata o derradeiro momento estivo traballando para conseguir terminar esta moi completa e extensa crónica familiar dos poboadores do Casal de Vilancosta dende finais do XVIII ata o século XX. Por desgraza, o seu pasamento en 1996 privouno de ultimar algúns detalles, mais o groso do traballo ficou rematado e pode agora lerse nas case setecentas páxinas que compoñen o volume.

-A Estrada presume de ser berce de Marcial e Avelina Valladares. Pero, quizais, en torno ao Casal de Vilancosta hai aínda certo grao de misterio e moito descoñecemento. Que revela o libro, que se presenta a xeito de crónica desta saga familiar?

-Non cabe dúbida de que o Casal de Vilancosta foi berce de admirables humanistas, entre eles Marcial e Avelina Valladares, ben coñecidos pola súa faceta literaria, mais a estes cómpre sumar outros nomes: por exemplo, o doutros dous irmáns seus, Serxio e Luísa, tamén coma eles escritores e personaxes públicos do seu tempo; tamén si, o de seu pai, Xosé Dionisio Valladares, cartógrafo, político e ensaísta moi destacado; ou mesmo o de Laurentino Espinosa, igualmente escritor e político rexionalista. Este libro axudará, sen dúbida, a que esoutros nomes cobren o relevo que merecen e tamén a saber máis e mellor de Marcial e Avelina no seu contexto vital e epocal.

-O volume aporta valiosa documentación de carácter histórico, epistolar e mesmo datos respecto da vida e obra destes autores que se descoñecían?

-Así é. No libro recóllense gran cantidade de textos escritos polos moradores do Casal de Vilancosta, sobre todo poéticos, ensaísticos e epistolares, aínda que tamén os hai narrativos e, ocasionalmente, teatrais e doutra natureza. Os textos figuran escritos tanto en galego coma en castelán e parte deles son inéditos e outros moitos non compilados antes ou de moi difícil acceso ata o de agora.

Doutra parte, encabezando cada legado textual correspondente aos diferentes autores de Vilancosta Ferreirós dispuxo unhas biografías que fornecen de moitos datos sobre a súa peripecia vital e autorial, nalgúns casos ofrecendo informacións e perfís sobre os personaxes que ou se descoñecían ou ben pouco se sabía deles.

-Recolle tamén versos inéditos de Avelina, en galego e en castelán. Cal é a temática? Poderían ter cabida nun poemario que axude a profundar na autora que A Estrada lembra cada ano coa convocatoria dun premio de poesía?

-Hai un pouco de todo: poemas paisaxísticos, evocacións románticas, composicións de circunstancias, felicitacións natalicias, versos dedicados aos familiares... Pola súa natureza varia non conforman de seu un poemario orgánico, mais sempre sería posible compilar todos estes materiais nunha publicación que, con certeza, axudaría a completar o coñecemento da obra da autora.

-Despois de afondar na figura de todos aqueles que un día foron señores de Vilancosta, mudou a imaxe que tiñas deles?

-Mudou no sentido de que a miña admiración por eles se fixo aínda maior. Coñecía bastante ben a faceta literaria de Marcial e Avelina Valladares e tiña algunhas referencias verbo de Xosé Dionisio Valladares e Laurentino Espinosa, mais non coñecía os seus perfís coa profundidade que os deixou trazados Ferreirós, nin tampouco sabía demasiado das achegas de Luísa e Serxio Valladares, así que a miña formación sobre eles se viu beneficiada, claro está.

-Marcial e Avelina son, quizais, os máis afamados moradores de Vilancosta, pero a de Berres é casa tamén de figuras que poderían pasar máis desapercibidas, como o propio pai, Xosé Dionisio Valladares, ou o rexionalista Laurentino Espinosa. Que dimensión acadan nestas páxinas?

-Fundamental. Coido que o devanceiro que máis apreciaba Ferreirós era, precisamente, o seu tataravó Xosé Dionisio Valladares, pois dedica á súa biografía e legado case duascentas páxinas, dando conta pormenorizada dos cargos que ostentou, empresas nas que participou e honores que recibiu, amén de transcribir as súas moitas poesías e prosas e anotar os seus traballos como xeógrafo. E tamén goza dun perfil xeneroso seu avó Laurentino Espinosa, a quen consagra máis dun cento de planas para debuxar o seu retrato cabal como literato, político e epistológrafo.

-Como se transforma a imaxe de casa de Vilancosta despois de teren examinado e preparado estas páxinas da crónica familiar para que as coñeza o público?

-Quen lea O legado dos Valladares de Vilancosta comprenderá pronto que no corazón da Ulla, na parroquia estradense de Berres, os moradores do Casal de Vilancosta foron un exemplo de familia ilustrada galega sen a cal é imposible entender non só a Cultura e a Historia das terras ullás dos últimos douscentos anos, senón tamén as do conxunto de Galicia, pois nomes como os de Marcial e Avelina Valladares (e gustaríame pensar que logo deste libro tamén os de Xosé Dionisio, Serxio e Luísa Valladares ou Laurentino Espinosa) son referencias inescusables para calquera galega ou galego que queira comprender de onde vimos, porque estamos onde estamos e cara a onde podemos ir.

Compartir el artículo

stats