A sede da Fundación Xosé Neira Vilas acolleu onte a presentación do logotipo do seu 25 aniversario. O presidente da entidade, Luis Reimóndez e Antonio Couto, de Bolanda Ediciones y Marketing, responsable do deseño, presentaron a imaxe do anagrama que servirá para lembrar estas vodas de ouro coa cultura. Así o asegurou Antonio Couto, que explicou que a imaxe xoga coas iniciais do autor, XNV, e a cifra en números romanos, XXV, dando lugar a un símbolo sinxelo e facilmente recoñecible que encaixa coa imaxe da Fundación e mesmo coas últimas obras do autor editadas por Bolanda, algunhas delas póstumas, como o poemario Quique na aldea "presentado nesta mesma casa do Romano ao ano da morte do querido Pepe Neira", apuntou o editor.

O presidente da Fundación, Luis Reimóndez, explicou que "a mediados de novembro cúmprense os 25 anos da apertura dunha biblioteca pública nesta casa grazas á determinación de Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, que querían que o rural galego tivese libros a disposición das súas xentes, algo que eles non puideran ter".

Desde entón van 25 anos de actividade, unha data que a Fundación celebrará baixo o paraugas deste logotipo. Por iso Reimóndez agradeceu "moi sinceramente a Bolanda, coa que mantemos, como facía no seu día Neira Vilas, unha estreita relación, que tiveran a ben nesta data confeccionar un logo específico conmemorativo desta efeméride e que viñeran hoxe a Gres a facer entrega deste agasallo que usaremos moito durante a conmemoración deste cuarto de século espallando a cultura desde o rural galego".

O presidente da Fundación Neira Vilas adiantou que o programa de actos incluirá "presentación de libros, actos culturais, probablemente algunha actuación de mellora nas instalacións da Fundación e tamén unha romaría popular que xunte a todas as persoas que formamos a gran familia neiraviliana para celebrar o aniversario desta casa na que naceu e tamén na que pasou a mellor vida o noso querido Pepe".

Xosé Neira Vilas faleceu o 27 de novembro de 2015 aos 87 anos na súa casa natal de Gres, aldea da que marchara en 1949 cara Arxentina primeiro e Cuba despois, e á que regresou na década dos 90 para presidir a Fundación que leva o seu nome e que, desde hai 25 anos, desenvolve un gran labor de dinamización cultural e lingüístico. Unha boa herdanza desa centenaria casa do Romano levantada a finais do século XVII e que durante moitas décadas deu acubillo físico aos peregrinos que ían cara a Compostela pola Vía da Prata. Precisamente a igrexa que ten a carón está baixo a advocación de Santiago Apóstolo e no seu cemiterio repousan os restos do escritor galego máis universal xunto aos da súa muller, falecida en 2009.

Certame de relatos

A Fundación, por outra banda, mantén aberto ata o 30 de xuño o prazo para participar no Concurso Balbino de Relatos, que chega á terceira edición. Poden presentar obras escritores e amantes da escrita de calquera idade e nacionalidade, pero os textos deben estar redactados en galego e teñen que xirar en torno ao rural, o mar ou a emigración. O mellor traballo recibirá como premio 1.500 euros e a súa publicación.