Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A fábrica de papel de Rodís

Estivo en funcionamento algo máis de medio século e nela chegaron a traballar a diario máis de corenta persoas

Vivenda e antiga fábrica de papel, coa "Árbore do incenso" á dereita da imaxe. // Ángel Utrera

Hai tempo, unha mañá, aproveitei a ausencia de choiva para achegarme na miña bicicleta, dende Agolada, pasando polo Castelo de Cadrón, Santa María de Cangas e baixar cara Rodís, que xa ía tempo dabondo que non me acercaba ata o que en tempos fora unha das primeiras fábricas de papel de Galicia aínda que, tal e como relata; Gonzalo Gayoso Carreiro, no seu libro La fabricación de papel en Galicia del siglo XVIII a nuestros días, non se tiveran moitas novas sobre a súa existencia e traballos . El eminente genealogista don Antonio Taboada, me comunicó que en San Julián de Rodís, municipio de Lalín había existido una fábrica de papel en las orillas del río Arnego, no habiendo logrado obtener mas informes, en Madoz, Álvarez Limeres, etc. no aparece esta fábrica.

Evidentemente Gayoso Carreiro estaba nun erro, xa que a fábrica se atopa a beira do rego do Barbán, entre os lugares coñecidos como o de Porta Cangas e o río Cello, aínda que si é certo que un pouco máis abaixo as frías augas deste regato desembocan no río Arnego, xa en terras de Agolada.

Tiven a sorte de que chegara a furgoneta de reparto e venda a domicilio do peixe, e que o único habitante da casa, (o seu fillo, segundo me contou tan pronto comezamos a falar amigablemente, Garda Civil, anda e traballa fora, seica na Coruña),vivenda adosada a fábrica, e domicilio do herdeiro da propiedade, o señor David Fernández González, que a recibiu coma herdanza dos seus tíos que a compraran nos anos vinte do pasado século, aínda que na edificación inicialmente se empezara a traballar na actividade xa mencionada de fabricación de papel no 1850, tivera tempo e gañas de conversar comigo.

Dende que alá polo ano 105, Tsai Tsai-Lun creaba no corazón de China o primeiro papel fabricado a partir de fibras vexetais extraídas de trapos, redes de pescar, cáñamo e bambú. O seu coñecemento foi estendéndose pola ruta da seda, ata que no ano 751 o papel -ata entón monopolio dos chineses- pasaba a Occidente da man dos árabes, que instalaron muíños papeleiros en toda a Asia Menor e norte de África. Tal e como nos relata a ficha de xullo do ano 2012 de "BUXA";Asoc. Galega do Patrimonio Industrial. A través de Córdoba e Toledo (España) o papel introduciríase en Europa. A primeira referencia indiscutible dun muíño papeleiro na Península Ibérica é do ano 1056 nas aforas de Xàtiva (Valencia), onde os operarios de Abu-Masafya fabricaban de liño un papel de grande calidade.

En 1189 introducíase a fabricación de papel en Francia, e en 1230 en Italia (Xénova, Bologna e Fabriano). O ano 1390 funcionaba en Nuremberg o primeiro muíño papeleiro alemán. Cara a 1494 introducíase en Inglaterra, e a finais do século XVI chegaba a Rusia, Estados Unidos e Suecia. Foi lenta a súa introdución en Europa, tanto polo seu prezo (durante moito tempo equiparable ó do pergameo) como polos prexuízos de quen consideraban o seu uso indebido por estar fabricado por xudeus e árabes.

Na nosa terra as fábricas de papel fan a súa aparición no século XVIII e resultaba imprescindible a previa licencia da Real Junta de Comercio, e concesiòn mediante Real Cédula, da facultade ao propietario dunha fábrica a establecerse e explotar a mesma durante un período de tempo determinado. Para o investigar Francisco Rubia, tal e como nos relata nun artigo aparecido nos xornais, no ano 2013, debeu ser no lugar de Faramello, en Rois (A Coruña), onde uns xenoveses de nome; Piombino e Gambino fundaron a que ía ser a primeira fábrica en Galicia, de elaboración de papel, no ano 1710. Contoume o señor David, como a fábrica facía papel, para envolver, papel para xornais, follas de escritura, papel de estraza, etc. a partir dos trapos de tela, sendo os trapeiros e os arrieiros os que subministraban material que traían de lonxe, pois a roupa da comarca era maiormente feita con lá. Segundo o señor David, así era o papel resultante, en razón da calidade dos trapos ós que se lles sacaba a cor con produtos derivados do cloro. Tamén se utilizaba o liño e o follato interior e branco das espigas do millo. Con estes dous materiais, obtíñase un papel de moi boa calidade.

Este papel de boa calidade ía destinado a escritura e a imprenta e o de mala, utilizábase para envolver as cousas nas tabernas e os comestibles dos ultramarinos, nome co que se lle chamaba as tendas de antes, precisamente porque nelas vendíase os produtos traídos de "ultra mar", daquelas terras das Américas, onde moitos Galegos, remataron os seus días na procura de fortuna, e unha vida mellor sen tanta fame e miseria como a de aquí.

O proceso tradicional de fabricación do papel pode describirse diferenciado nas súas cinco etapas fundamentais: Preparación da materia prima (fundamentalmente trapos): aventado, clasificación, esgazado, abatanado e fermentación en auga con cal; preparación da pasta nas pilas desfacendo as fibras cos mazos do muíño: trinchado, afinado e refinado; formación das follas de papel na tina, filtrando coidadosamente co molde ou forma a pasta xa refinada;prensado das follas para eliminar a auga residual; e secado das follas.

A elaboración do papel iniciábase co escollido e clasificación dos trapos almacenados na fábrica segundo as súas fins, reservándose os mellores para a fabricación de papel de calidade superior, destinándose os peores para a fabricación de papel basto, como a estraza ou a estracilla.

Nesta fábrica chegaron a ter traballo a diario máis de corenta persoas, traballo feminino fundamentalmente, e estivo en funcionamento algo máis de 50 anos. O papel non saía seco da máquina, polo que había que cortalo e secalo ó aire, á maneira tradicional, de aí a necesidade de que a fábrica contara co maior numero posible de fiestras e portas de ventilación. O custe elevado da enerxía coa chegada da electricidade, que supuxo en moitos casos a modernización das instalacións, na que substituíron as rodas motrices por unha turbina hidráulica que arrastraba un xerador eléctrico, sendo entón a electricidade a que movía a maquinaria fabril, grazas as augas do próximo rego de Barbán e os altos prezos dos trapos empleados no proceso produtivo e produtos químicos necesarios, maioritariamente traídos de fora do país, contribuían a facer a produción moi pouco competitiva.

Ante esta insostible situación buscáronse sucedáneos dos trapos, empregándose cordas, esparto ou palla, iniciativa que fracasou polos altos custos de transformación asociados ao emprego do carbón, o cloruro de cal e a sosa.

Árbore do incenso

A elaboración de pasta de madeira, iniciada en España cara a 1880, supuxo o principio da fin das vellas papeleiras que empregaban trapos como materia prima, que non puideron resistir o pulo da nova competencia. O declive progresivo e peche final desta curiosa fábrica de papel de Rodís, debeuse logo a utilización da pasta de madeira, que se empezou a usar na elaboración do papel obtida do prensado da celulosa que íase sacar da madeira, fundamentalmente dos eucaliptos, velaí a poderosa razón de que os nosos montes fragas e bosques, hoxe en dia sexa unha autentica praga, que asola con todo, xa que onde medran os eucaliptos, non hai vida de ningún tipo, sen falar coa súa incidencia directa sobre o clima, os mananciais subterráneos etc. ..

De remate da charla e visita á fábrica e logo de ter escoitado as súas explicacións sobre a mesma, o señor David, aínda tivo tempo para ir pola chave da porta para amosarme o forno e lareira da casa, onde cocían o pan e curaban os chourizos, e xamóns trala tradicional matanza de cada ano, e antes de despedirnos achegarnos ao pé mesmo do bicentenario "Árbore do Incenso",( Juniperus thurifera ), practicamente un dos poucos exemplares que medra en Galicia e que afortunadamente goza de boa saúde.

Árbore da especie sabina, moi aromática e resinoso, e cuxa madeira queimada produce un cheiro doce a incenso, polo que ao parecer era utilizado nas cerimonias relixiosas polos cregos da zona, e que dende a súa soidade permanece como sentinela e testemuña do noso pasado e a historia desta curiosa fábrica de papel de Rodís e as súas xentes.

Compartir el artículo

stats