Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As feiras no Concello da Estrada (II)

Unha das máis importantes era a de Codeseda, a única coa de San Vicente onde se trataba con gando cabalar e mular

Imaxe das antigas casetas da feira de Codeseda reconstruida dixitalmente. // codeseda.com

Unha das feiras mais importante que existía no Concello da Estrada era a que se celebraba o segundo domingo de cada mes en Codeseda considerada de época inmemorial. Xunto coa de San Vicente eran as únicas do distrito onde se trataba con gando cabalar e mular.

Esta feira celebrábase na fermosa carballeira da Sagrada (Codeseda), onde uns pendellos con bancos e mostrador de pedra protexían os xéneros mais delicados, mentres outras mercadorías se expoñían sobre unhas bancadas de mesas e tallos de pedra que estaban espalladas en ringleiras ao longo da carballeira. (No ano de 1972 os pendellos e mesas de pedra foron derrubados, unhas pedras foron empregadas para a reparación da igrexa e as restantes acabaron en mans privadas.)

Os documentos máis antigos sobre esta feira atopámolos no Arquivo do Reino de Galicia (Real Audiencia), no Catastro do Marqués de Ensenada (ano 1752) e nos libros de actas do Concello da Estrada. No ano 1852 o Concello recoñece a celebración desta feira como tradicional, sendo de tanta importancia que na sesión de 17 de marzo de 1855 fálanos da ampliación do campo da feira de Codeseda e da creación dunha segunda feira de gando cabalar e mular e demais artigos o cuarto domingo de cada mes. Esta segunda feira apróbase definitivamente no ano 1870 para o cuarto domingo de cada mes. Isto beneficiaba aos veciños, pero tamén ao Concello, que cobraba os tributos non só aos que levaban gando, senón tamén aos que levaban calquera outro tipo de mercancía. A preocupación do Concello por cobrar taxas e constante, e ás veces ata son abusivas, así por exemplo en 1911 pónselle un imposto de 200 pesetas anuais ao matachín de becerros que traballaba o día de feira. Tal veciño fixo unha reclamación por consideralo esaxerado, pois só facía o labor dúas veces ao mes. Efectivamente, rebaixáronllo ata a metade.

As feiras de Codeseda eran de moita sona. Cónstanos que a estas feiras acudían xentes de Soutelo de Montes, Cerdedo, Silleda e outros lugares, a pesar da longa distancia que separa estas localidades e tendo que facer o camiño andando.

As feiras que se celebraban os domingos e os festivos non gustaban nos círculos eclesiásticos. Así na sesión do concello do 24 de novembro de 1894, lese a carta circular do arcebispo de Santiago que demandaba ao Concello o cambio de data os días de feira e mercados para os días non festivos. Porén as feiras do segundo e cuarto domingo que se celebraban en Codeseda, por considerarse de época inmemorial, non sufriron as consecuencias nin entón nin en 1921, na que unha circular do Gobernador Civil ordenaba o peche de establecementos os días festivos.

Ao facer a estrada provincial que vai de Pontevea a Soutelo, deixouse un sumidoiro que vertía as augas cara ao campo da feira, de xeito que dividía o campo en dous co perigo que supoñía para persoas e animais. O concello en 1889 mandou soterrar a canle de xeito que non producise problemas.

En 1930 dotouse a feira de Codeseda dunha báscula. Nesta época xa acudía moita xente en autobuses, vindo xente dos concellos limítrofes, como Forcarei, Cerdedo, Silleda ou Cuntis en autobuses de empresas como Lázara, Cuiña, La Trucha, etc.

E en 1931 a corporación alertaba da proliferación de carteristas nas feiras do municipio. Xa se sabe que onde hai concentración de moita xente, os carteristas poden facer o seu agosto. Hai que recordar que as mulleres adoitaban levar os cartos nunha bolsiña que colgaban do pescozo e metían entre os peitos, pero aínda así podían ser vítimas dos carteristas.

E na sesión plenaria de data 3 de decembro de 1959, dise: " Dereito real da celebración dunha feira en A Sagrada da parroquia de Codeseda, sobre carballeira de 18 áreas de superficie que linda Norte estrada de Vilapouca-A Estrada; Sur, atrio da igrexa parroquial; Este, casa de Francisco Eirín e terreo do igrexario; e Oeste, Jesús Valladares, casa de José Vázquez, e Benigno Soto, Manuel Eirín e Mercedes Abeijón. Finca de propiedade da igrexa parroquial de Codeseda, natureza de dominio dereito real de celebración dunha feira de gandos os días que exista a mesma, autorizada ou que se autorice no sucesivo polo Concello ou organismo administrativo competente."

As feiras de Codeseda, co paso do tempo entran en total decadencia ao celebrarse na capital da vila catro feiras no mes. Codeseda ten que renovarse e crea unha feira de cans, sendo esta feira de moita atracción pola novidade da mesma, manténdose a celebración ata os anos 60 do pasado século.

Compartir el artículo

stats