-Concorda en que o inglés lle gañou a partida ao francés como lingua estranxeira?

-En cuestión de linguas, o que está claro é que canto máis mellor. Durante moitos anos o francés foi un pouco a lingua da cultura, da arte e París era un pouco a capital do mundo, non? Agora a capital do mundo é Nova York, e até os artistas pasan todos por alí. O inglés comeulle un pouco o terreo ao francés como lingua ponte, como lingua internacional, algo que se comproba en tódolos aeroportos do mundo. Fai un pouco o papel do latín na antigüedade, na ciencia tamén porque os textos científicos publícanse sobre todo en inglés igual que nos séculos anteriores estaba todo escrito en latín.

-Como filólogo, cal é o seu diagnóstico do galego actual?

-É evidente que se está a perder moito galego nas zonas urbáns. Os galegos estamos facendo unha aposta equivocada. Apostar polo galego non supón esquecer o castelán, nin moito menos. Non creo que exista ninguén tan estúpido para pensar algo así. Unha cousa non quita a outra, e hai xente que cando hai dúas opcións pois moita veces séntese obrigada a escoller, cando o máis intelixente sería non facelo, evidentemente. Ti podes usar o galego e ser completamente competente no español, e usas un ou outro indistintamente. O que me parece un erro é reivindicar a ignorancia. O saber non ocupa lugar e por iso non entendo a esa xente que asegura que o galego non lle interesa e que por iso non o quere saber. O prestixio dunha lingua chégalle grazas ao prestixio dos seus falantes. A lingua é o principal trazo da nosa identidade. Sería catastrófico que se poida perder para sempre un patrimonio de tanto valor simplemente por desidia.