Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Gerardo López Cobas: "Nunha asociación hai que pasar tempo cos veciños, escoitalos"

"A Feira dos Carballiños nunca chegou a morrer de todo, porque o pulpeiro seguiu vindo a Vilatuxe todos os días 8 de cada mes"

Gerardo López, no centro, durante a asamblea de antonte no auditorio. // Bernabé/Javier Lalín

Gerardo López abandona despois de sete anos a presidencia da Asociación de Veciños de Vilatuxe. Foi a súa cabeza visible desde xaneiro de 2011, e agora deixa o posto por falta de tempo para poder sacarlle ao colectivo "todo o potencial que tén", xa que agora mesmo se atopa nun momento de gran expansión da súa empresa a escala estatal.

-¿Cómo valora este periodo á fronte da asociación?

-Estes sete anos mereceron a pena, porque eu son unha persoa moi altruista e á que lle gosta axudarlle aos demais, e entendo que, se estás nunha directiva, tés que pasar tempo cos veciños, para escoitalos e atender as súas necesidades.

-¿Qué demandas detectaron, precisamente, cando montaron a asociación e visitaron cada unha das 17 aldeas da parroquia?

-Daquelas, en Vilatuxe vivían unhas 650 persoas, polo que era raro que non houbese un colectivo que encarrilase determinadas cuestións. Viamos que había moito descontrols que as iniciativas que se poñían en marcha eran por afán político, así que o que fixemos foi que na asociación se integrasen veciños de todas as tendencias, pero que na cúpula estivese xente aséptica a nivel político. Pode ser que a parroquia estivese moi polarizada politicamente, pero non é o caso da asociación. Tocounos lidiar coas obras do cemiterio, con conseguir masas comúns da parcelaria ou organizar actos contra a incineradora que se ía construir no Irixo e que a nós nos quedaba a só 11 quilómetros de distancia. Outra das necesidades que había, á marxe de alcantarillados, era a de manter a oficina de Abanca, que de momento segue aquí e grazas a unha campaña na que contamos co apoio de 105 colectivos, entre partidos políticos, sindicatos, cooperativas ou alcaldes da zona. A asociación antollábase necesaria porque daquelas o goberno local non tiña presión, a oposición non se notaba.

-Nestes últimos días tamén tén mencionado o problema urbanístico da parroquia.

-Si, e quizais se deba precisamente a que no momento de tramitar o PXOM non había unha asociación de veciños, e éste pasou desapercibido. Temos dúas rúas con moitas beirarrúas, pero onde non é solo urbano, porque si se pode edificar en aldeas ou brañas que, por desgraza, carecen de acceso. Así, segue marchando xente da parroquia, cando nos mellores momentos chegou a ter bastante máis de 1.000 veciños.

-Ademais de contar no seu momento cunha densidade de poboación notable, tamén é a parroquia máis extensa. ¿Considera que ao mellor están un pouco esquecidos por parte do goberno local, a pesar de que teñen un colexio, un auditorio, e no seu momento un cuartel da Garda Civil?

-Eu, no seu momento, creei un perfil nas redes sociais 'Vilatuxe existe', porque somos unha parroquia moi dinámica, con máis de 100 nenos na Escola de Música e unha boa rede de empresas e e negocios hosteleiros. Para ir a Zobra, a terreos da Rede Natura, ao Irixo ou a Barcia hai que pasar por Vilatuxe. E, sen embargo, non aparece ningunha mención á parroquia nin nos accesos á autopista nin nas saídas de Silleda. Hai outra cuestión, que é a da potenciación turística, e que se nos escapou á asociación: xa co anterior goberno fixen moitos trámites para recuperar os Muiños dos Carballiños, o primeiro punto da parroquia onde chegara a luz eléctrica. O Concello comprometerase a mercalos para construir un Centro de Interpretación do Candán. Tentaramos antes a súa recuperación a través das axudas de Agader, pero cumpría unha inversión de máis de 300.000 euros, e para a asociación era inviable. Co novo goberno tamén había intención de mercalos, pero ao final agora están en mans dun particular. Pasou algo semellante na Carballeira dos Carballiños, onde se facía a feira: alí derribáronse todos os pendellos para construir casas.

-Agora que menciona a Feira dos Carballiños, cóntenos cómo fixeron para recuperala e qué sorpresa nos depara esta octava edición.

-A feira fora esmorecendo nos anos 70, ainda que nunca chegou a morrer de todo, porque o pulpeiro de Anzo segue vindo a Vilatuxe todos os días 8 de cada mes. Había moita xente que se acordaba da feira e, por exemplo, do paseo das mozas. Unha das cousas que máis gustou foi a edición de 2014, coa visita de doña Tinita, que foi mestra en Vilatuxe durante 30 anos e que chegou a ter 70 alumnos. En canto á sorpresa deste 13 de maio, comezará a perfilarse desde o domingo, coa nova directiva.

-¿Está involucrada a xente nova na asociación?

-Moito. Lembro que cando fomos ao programa Luar, da TVG, éramos case 100 persoas. Acudimos dous días antes da Feira dos Carballiños e, das tres horas e media que dura este espacio, nós fomos protagonistas durante tres.

Compartir el artículo

stats