"Berrar con música as inxustiza que nos rodean", ese é o lema musical do grupo Cuarta Xusta, que aínda que o seu inicio o localizan en Melide, dous compoñentes da formación son de Agolada. Cinco mozos de ente 18 e 21 anos conforman este grupo que acaba de sacar ao mercado o seu primeiro traballo discográfico composto por oito temas de contido social e reivindicativo. Lúa Naveira Aguete (batería), Marta Sánchez Villarabide (guitarra e violín), Aida López Costa (vocalista), Alba Vilariño Silva (baixo) e Alberto García Diéguez (guitarra), son os integrantes de Cuarta Xusta.

Alba, de Carmoega, e Alberto de Friufe, lugar da parroquia de Merlín, son os membros agoladeses deste grupo. Alberto foi un dos creadores da formación, xunto con Marta e Aida, ambas do municipio coruñés de Melide. Xunto a e eles comezou o lalinense Andrés Otero Vázquez, que agora non continúa na agrupación. Os catro, con formación musical clásica, decidiron chamarse Cuarta Xusta, debido ao intervalo musical. A súa actividade iniciouse hai apenas dous anos, no 2016, cando se xuntaban para facer versións de temas de diferentes artistas do panorama galego, tales como Ses, Nao ou Ruxe-Ruxe. Foi no Festival Presume de Galego, nese mesmo ano, cando subiron por primeira vez a un escenario. A partir de aquel momento, Cuarta Xusta comezou a traballar na elaboración de temas propios, sempre escritos en galego e que teñen como base as inquedanzas que afectan á sociedade actual.

A este proxecto sumáronse Lúa, que é natural de Antas de Ulla, Lugo, e Alba. Foron as últimas en chegar pero están igual de implicadas que os seus compañeiros. Unha vez por semana reúnense para ensaiar e sacar adiante os temas que van confeccionando. Como se pode ver, o grupo conta cunha forte presenza feminina, aínda que Alberto é quen compón as cancións. Este mozo agoladés, que forma parte da Banda de música de Agolada, igual que Alba, resalta que "o disco vai na onda do que pensamos, criticando esa pasividade e o desleixo da sociedade na que vivimos". Destaca o papel do galego e o forte poder reivindicativo do traballo, tomando como referencias grupos do país como poden ser Herdheiros da Cruz, Zenzar ou Nao.

A pesar da súa xuventude, Cuarta Xusta ven con gañas de aportar ao panorama musical galego, facerse presente coas súas letras e chegar a un público crítico. Nese sentido, Alberto recoñece que "os consumen máis este tipo de música, e sobretodo música en galego, é xente que acude ós festivais, que ao final sempre somos os mesmos e coñecémonos entre nós". Considera que hai moita música no idioma, pero que non acaba de chegar a todos, "seguramente se fixésemos as cancións en inglés moita xente escoitaríano e daríanos unha oportunidade", mantén. Porén, prefiren manter a súa sinal de identidade e apostar pola lingua nai.

O álbum Un novo espertar está totalmente autoproducido e será presentado o próximo 10 de marzo no Pub Gatos de Melide a media noite. Na presentación colaborarán varios artistas da escena musical como Vituco Neira e Miguel Duarte de Ruxe-Ruxe, Bocixa de Zenzar, Jasper de Nao ou Javi Maneiro de Herdeiros da Cruz, algúns dos cales actuarán tamén o día da presentación oficial. A Banda fará unha pequena zura de presentación en primavera por salas de varias cidades galegas. Estarán o 29 de marzo no Kurrala Rock de Ribeira, A Coruña; 7 de abril no Forum Célticum de Culleredo; 14 de abril na Fundaçom Artábria de Ferrol; 21 de abril no Pub Óxido de Lalín; 19 de maio na Gentala do Pichel, en Santiago e o 29 de xuño no Festival Milli Riders de Melide.