A Cidade da Cultura de Galicia súmase á celebración do Día da Muller co primeiro concerto que se organizará na comunidade galega dunha banda integramente feminina. Marcamos o compás xuntará, o 17 de marzo ás 20:30 horas no Museo Centro Gaiás, a 81 instrumentistas que interpretarán un repertorio de pezas creadas todas elas por compositoras.

Baixo a batuta de Isabel María Rubio Molina, a directora da Banda de Lalín, a Banda Galega Feminina de Música créase exprofeso para esta conmemoración, tras ter recibido 110 peticións, procedentes de formacións das catro provincias galegas. Este concerto, que se celebrará no Museo Centro Gaiás, ten entrada de balde ata completar capacidade e inscríbese dentro da programación ao redor do Día da Muller da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e conta coa colaboración da Federación Galega de Bandas de Música.

Precisamente, Isabel María Rubio salientou que con este espectáculo o que se pretende é "visualizar a presenza feminina no ámbito da música", posto que tamén o repertorio do programa será de pezas creadas todas elas por mulleres. Así, as composicións serán: Grana y Oro, de Ermerinda Ferrar; El Suspiro del Moro, de Mª Dolores Vitoria; La Bella Durmiente, de María Mendoza; Poème Du Feu, de Ida Gotkovsky; e La Mezquita de Córdoba, de Julie Giraux.

A banda xa comezou os ensaios no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela e está formada por frauta, frautín, óboe, requinto, clarinete, clarinete baixo, fagot, saxo alto, saxo tenor, saxo barítono, trompa, trompeta, fliscorno, trombón, bombardino, tuba e percusión.

Medio cento de formacións

As mulleres que solicitaron formar parte da Banda Galega Feminina de Música proveñen de medio cento de formacións das catro provincias, entre as que están as de Lalín, Vilatuxe, Silleda, A Bandeira, Merza e Ponteledesma. O resto son: Oleiros, As Pontes, Ribadulla, Salvaterra de Miño, Rubiós-As Neves, O Rosal, Caldas de Reis, Catoira, Meaño, Lugo, Barro, Rubión, Ortigueira, A Coruña, Xinzo, Coruxo, Brión, Rianxo, Xinzo (Ponteareas), Betanzos, Ferrol, Vilagarcía, Celanova, Narón, Meira (Lugo), Belesar, Bembrive, Pobra do Caramiñal, Castrelo-Cambre, Viveiro, Salcedo, Antas de Ulla, Torroso-Mos, Cambre, Santadega (Coles), Goián, Cedeira, Lira de Rivadavia, Ordes, Rubiós, Sada, Beade (Vigo), Outeiro de Rei, San Miguel de Oia, Valladares, Beade e Vincios.

A directora desta banda de carácter temporal é Isabel María Rubio, natural de Murcia e que dirixe, na actualidade, a Banda de Música de Lalín. Amais, é profesora de Análise Musical, Coro, Banda, Percusión e Música de Cámara no Conservatorio Profesional de Música da mesma localidade pontevedresa. Foi seleccionada o ano pasado para edición WMC Kerkrade International Conducting Competittion 2017 en Holanda e ese mesmo ano puido dirixir a Banda Municipal de Bilbao como gañadora do Concurso de Dirección, celebrado en outubro de 2016.