O servizo de Nefroloxía da xerencia sanitaria compostelá conta cun novo recoñecemento á calidade da súa asistencia sanitaria. A Unidade de Enfermidade Renal Crónica Avanzada (ERCA) é a segunda en España en acadar a certificación de calidade pola norma UNE-EN ISO 9001 de sistemas de xestión de calidade por AENOR, cuxo certificado acreditativo foi entregado polo seu delegado en Galicia, Martín Pita, aos traballadores do propio servizo. Grande parte do servizo traballa con sistemas de xestión certificados baixo requisitos internacionais de calidade, xa que tanto as Unidades de Diálise Domiciliaria e Hemodiálise do Hospital Clínico, como Hemodiálise do Hospital de Barbanza contan con certificados de calidade.

"A enfermidade renal crónica constitúe un grave problema de saúde pública pola súa elevada incidencia e prevaleza, importante morbilidade e coste asistencial e social", subliña Cándido Díaz, xefe do Servizo de Nefroloxía da xerencia integrada compostelá. Que destaca o compromiso coa calidade asistencial de todos os profesionais do servizo cara os doentes, "dirixida a acadar unha atención segura e eficaz dentro dun marco de mellora continua na busca da excelencia". Díaz tamén sinala a abordaxe integral e multidisciplinar da consulta de ERCA e, neste sentido, afirma que a de Santiago é unha das primeiras de España en levar a cabo realmente esta integración multidisciplinar, xa que á consulta do facultativo e do persoal de enfermería, suma unha consulta de intervención social, coordinada cos profesionais sanitarios e desenvolvida no propio hospital con persoal da Asociación Alcer.

Este programa de educación prediálise multidisciplinar busca concienciar mellor ao doente sobre a súa enfermidade e as opcións de tratamento, axudando a superar os temores á diálise e tendo un impacto significativo na frecuencia e elección das diferentes modalidades de diálise. De feito, segundo Díaz, "tense documentado que este abordaxe integral mellora os coñecementos deficientes previos do doente, mellora a adhesión ao tratamento, aumenta o autocoidado e benestar aportándolle tranquilidade e apoio para afrontar a enfermidade ademais de contribuír á participación activa do paciente na toma de decisións ao respecto á elección do tratamento renal substitutivo".

Desde a súa posta en marcha en 2015 a consulta de ERCA atendeu 560 doentes, deles 245 no pasado ano 2017. Estes doentes xeraron 1.158 consultas de facultativo e 964 de persoal de enfermería. A consulta de intervención social atendeu 40 doentes no seu primeiro ano de andadura.Pola súa banda na unidade de hemodiálise atendéronse 106 pacientes e realizáronse 11.705 sesións de hemodiálise ao longo de 2017. Da calidade e seguridade da mostra a baixa taxa de mortalidade en hemodiálise (HD) de toda a xerencia, máis de tres puntos por debaixo dos rexistros galego e español de enfermos renais.

En canto á Diálise Domiciliaria (que integra Diálise Peritoneal e Hemodiálise Domiciliaria), ao longo de 2017 atendéronse 45 pacientes en programa de Diálise Peritoneal e 2 pacientes en programa de Hemodiálise Domiciliaria. Realizáronse 319 revisións en consulta e 978 intercambios de diálise peritoneal no Hospital Clínico, tamén con taxas de mortalidade inferior aos rexistros galego e español.

Outros méritos

Este certificado súmase á extensa relación de certificacións e acreditacións en sistemas de xestión obtidas por outras unidades e servizos da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago, e que supoñen o recoñecemento formal a nivel nacional e internacional do cumprimento dos requisitos establecidos nas normas de xestión de referencia, cuxos obxectivos primordiais son mellorar de modo continuo a eficacia dos procesos desenvolvidos, optimizar os resultados alcanzados e incrementar a satisfacción dos usuarios, centrando a atención nas súas necesidades e expectativas.