Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Suso Martínez: "Ponte Ledesma foi durante dez días a fronteira entre o imperio francés e a monarquía española"

"Hai unha visión moi folclorista deste episodio histórico, e iso queda en evidencia nos Xenerais do Entroido da Ulla"

Suso Martínez, caracterizado como o capitán Benito Martínez, coa ponte de Ponte Ledesma ao fondo.

Este 9 de marzo cúmprense 209 anos da batalla que libraron 1.500 labregos contra o exército francés de Napoleón aos dous lados do paso de Ponte Ledesma e na beira do Ulla ata Cira. Para conmemoralo, os Concellos de Vila de Cruces e Boqueixón organizan dúas visitas dramatizadas este domingo e o sábado 10, que protagoniza o actor, guía turístico e historiador Suso Martínez, con quen contactou xa o ano pasado a presidenta da Asociación de Veciños de Ponte Ledesma, Natalí González Cacho.

-Vostede defínese a si mesmo coma un friki da temática napoleónica. ¿Por qué escolleu a personaxe de Benito Martínez?

-Decanteime por Benito, e non polo seu irmán Gregorio, porque aquel tiña unha personalidade tremenda e unhas dotes extraordinarias de mando. Gregorio tiña o mando da posición da ponte, pero Benito é o capitán designado pola Xurisdicción de Trasdeza para coordinar o que se chamou Armamento Popular de la Jurisdicción de Trasdeza. Benito Martínez era dunha familia importante, era o señorito estudiado que volvía para organizar á xente popular, e fíxoo dun xeito exitoso, divindindo aos paisanos en dúas compañías de 70 tiradores. Temos que lembrar que Benito, igual que o silledense José Dionisio Valladares, están recén licenciados cando os pilla a 'francesada'. Van como voluntarios a un exército que monta a Universidade, o Batallón Literario, que participa nos primeiros momentos da guerra, baixo o nome de Ejército de la Izquierda en Burgos, no País Vasco ou en Espinosa de los Monteros, onde se produce unha escabechina. Tentan frear o avance galo na batalla de Mansilla de las Mulas, en León, pero os franceses arrasan todo e o Batallón Literario deixa de existir. Parte do Ejército de la Izquierda queda perdido polos montes de Ourense, como pasou co Marqués de la Romana, e outros volven para organizar as alarmas, como é o caso de Benito.

-¿Cómo conseguiu o atrezzo deste capitán?

-Nas miñas personaxes sempre meto algo de colleita propia. O uniforme que vou lucir era, seguramente, o que levaba el. Pero Benito Martínez non leva o chapeu do Batallón Literario, nin o tricornio da infantería, senón un bicornio, que é un sombreiro alongado de dúas puntas e que locen os capitáns. Completa o equipo un sable e, se non fai moito frío, levarei a pelliza real do Batallón Literario, que é unha guerreira de cor marrón con ribetes vermellos. Pero tamén portarei unha chaqueta vermella, que é do Exército Británico e que servirá de pequena homenaxe aos aliados ingleses, pois na retirada española de Espinosa de los Monteros veñen datos do exército británico de John Moore. O exército español protexeu ao británico, e éste estaba conformado na súa meirande parte por irlandeses, e os irlandeses e os galegos sempre tiveron certo feeling, sobre todo por cuestións relixiosas, ata o punto de que segundo historiadores británicos os soldados do Ejército de la Izquierda e os irlandeses compartían casa. Non ocurría así cos escoceses que, comoJohn Moore, eran calvinistas.

-¿E en qué idioma nos falará?

-Pois nun galego moi castelanizado, que por veces vai ser moi imperial e épico, ao estilo das coplas dos Xenerais do Entroido da Ulla. Botei man da primeira obra do pre-Rexurdimento, a poesía A alborada, escrita en 1887 por Nicomedes Pastor Díaz, e de Rogos de un gallego, que o cura Manuel Pazos de Andrade escribiu na época de Ponte Sampaio.

-Ameaza con que a primeira visita non vai ser idéntica á segunda, para así tentar aos asistentes do domingo a volver á sesión do día 10. ¿As visitas dramatizadas son unha nova maneira de aprender, de descubrir a historia?

-Sen dúbida, porque este tipo de visitas son moi interactivas, coma unha viaxe no tempo. Eu descubrinas cando vivín en Londres e se facían recreacións da HSM Victory, a fragata Victoria, durante a Batalla de Trafalgar. De feito, alá a este tipo de recreacións chámanlles Re-enactment, Resurrección. Quedei fascinado e dinme conta de que en Galicia había moitísimo patrimonio por interpretar, porque a xente sabe que hai preto un castelo, unha ponte, un pazo... pero non sabe interpretalo. É como seu eu toco unha gaita: podo sacar dela tronos, pero Carlos Núñez sacará outra cousa [risas]. Levamos xa seis anos facendo este tipo de visitas na Coruña, e a do cemiterio de San Amaro é das que teñen máis demanda en España. Teño que dicir que a de Ponte Ledesma me fai moita ilusión, porque esa ponte foi, durante 10 días, a fronteira entre o Imperio Francés e a Monarquía Española. Temos que pensar que as pontes foron fundamentais. En Mansilla de las Mulas defendeuse unha ponte sobre o río Esla, e os grandes conflictos coma o de Ponte Sampaio, son precisamente para controlar o paso de pontes, porque os medios de comunicación dos que se dispoñía eran prácticamente medievais. Temos que pensar, tamén, que no momento en que se produce a batalla de Ponte Ledesma había dous exércitos franceses en Galicia: o primeiro co mariscal Soult e, detrás deste primeiro corpo, o de Ney [en torno a 52.000 homes, en total]. Ao non haber comunicación entre os dous corpos, buscábase polo menos o contacto visual, e de aí a importancia de tomar Ponte Ledesma para apoiar a Soult, que chegou á Guarda e, ao ser rexeitado polos portugueses, remontou co seu exército Miño arriba ata chegar á ponte romana de Ourense, onde xa puido cruzar o río. Así que vou falar do exército galego, pero tamén do outro bando, do lado francés, inspirándome nunha película do ano 1977 de Ridley Scott, na que se narran os sucesivos encontros de dous militares franceses que se baten en duelo en Francia, en Polonia...durante 15 anos. O filme está inspirado na historia real do xeneral Fournier-Sarlovèze, así que este domingo imos anunciar que este pasou por Ponte Ledesma e chegou a Cira.

-¿Qué cre que tería pasado se Napoleón conquistase Galicia e o resto de España? ¿Axudaría a modernizar o país?

-Pois nin si nin non, porque en Galicia os cambios nunca son de hoxe para mañá, e iso vese ao longo da Historia. Cando chegaron os romanos, houbo un proceso no que non se abandonou de forma inmediata a vida nos castros, senón que os xefes destes decidiron que os seus fillos se fosen romanizando e aprendendo latín. Penso que se Napoleón lle ganase a Fernando VII, non tería pasado nada, porque ían chegar despois, de todas maneiras, as revolucións liberais. En Suecia, por exemplo, a monarquía procede da liñaxe deJean Baptiste Jules Bernadotte, un mariscal de Napoleón. Así que, se gañase en España, en lugar da dinastía Borbón teríamos unha familia napoleónica.

-Xa para rematar, ¿cre que se coñece ben esta parte da nosa historia recente?

-Hai unha visión moi floclorista, e isto é evidente nos traxes dos Xenerais no Entroido da Ulla. A francesada en Galicia é xeral pero aquí dispara a imaxinación da xente, e temos que recordar que a partir destas batallas xurdiron moitas lendas mediatizadas pola Igrexa. Napoleón era un fenómeno, un tipo raro, que usaba as ideoloxías do Antigo Réxime para expandir conceptos como os estados modernos ou o da cidadanía. Isto chocaba coa monarquía absolutista, máis absolutista aínda en Galicia. De feito, a Xunta de Trasdeza constitúese 3 días antes da batalla, nunha reunión no campo da feira de Silleda e á que acoden 11 sacerdotes. De aí que cando os franceses logran entrar a partir do 19 de marzo, centran as súas represalias contra os curas, que organizaban todo. Foi unha batalla entre dous mundos: o europeizante e o galego, e isto creou un patriotismo enorme.

Compartir el artículo

stats