Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rosalía, sen data de caducidade

Os centros educativos festexan o 181º aniversario do nacemento da poetisa máis sobranceira das Letras Galegas con lecturas e aplicación de novas tecnoloxías

No IES Pintor Colmeiro, colocáronse poemas no chan baixo o logotipo "Tecendo a Rosalía"

Un pensa en Rosalía de Castro e o primeiro que se lle vén a cabeza é Adiós ríos, adiós fontes, que musicou Amancio Prada. Pero a figura máis importante do Rexurdimento deixou como legado, en pouco menos de medio século de vida, varios poemarios e unha importante obra prosística, que supuxo un enorme pulo para o idioma galego, sumido desde o século XV nun profundo decaemento.

Por iso o 24 de febreiro xa é, desde hai anos, coñecido como o Día de Rosalía. Onte todos os centros educativos da comarca, ben a nivel de aula ou ben con actividades abertas á comunidade, festexaron a xornada que hoxe se conmemora, ainda que os preparativos arrincaron xa hai varios días. En Lalín, o IES Laxeiro é o único centro que colgou un vídeo na proposta AbrideAFiestra, da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega. Este colectivo tamén animaba a alumnos e docentes a pendurar poemas ou algún elemento iconográfico da poetisa que, por certo, pode presumir de ser non só imaxe por antonomasia de Galicia, senón tamén de camisetas.

Pero voltemos ao Laxeiro, no que tamén se montou unha exposición de libros da escritora, mentres que un roll-up adornaba un dos patios do instituto. O seu deseño foi obra de Andrea Carballude Beleda, de terceiro de Secundaria. Nos colexios urbanos de Lalín, no Xesús Golmar tamén se puxo en marcha a proposta da AELG, pero os alumnos gardan as súas forzas para o mércores 28, pois van celebrar un festival con recitado de poemas, e incluirán un con linguaxe de signos e máis pictogramas. A sesión comezará ás 15.30 horas. Xa no rural, o colexio de Prado tamén subirá en breve un vídeo ao seu blog O Camiño. Botouse man do libro Rosalía no espello, de Helena Villar Janeiro. Os nenos puideron pintar o rostro da escritora e levaron, de agasallo, unha flor.

Que Rosalía non pasa de moda queda en evidencia polas consultas que permiten as novas tecnoloxías. No CEIP de Vilatuxe, ademais de poder facer crebacabezas ou facer poemas en camelias, habilitáronse códigos QR para que os nenos poidesen ver fotos ou composicións da autora. Foi algo do que tamén se botou man no colexio María Inmaculada, en Silleda: ademais de intercambiaren flores por poemas, a cada neno asignóuselle un código QR, de maneira que ao acceder a el o alumno vía qué compañeiro lle enviaba os versos. O patio deste centro trasdezao tamén se convertiu nun lugar no que disfrutar da poesía, con debuxos que axudaban a completar os poemarios.

Tanto no colexio de Cercio coma no CEIP de Silleda repasouse a relevancia de Rosalía de Castro a nivel de aula, mentres que no CEIP Ramón de Valenzuela, na Bandeira, colocáronse carteis pintados por todo o centro, que ademais se acompañaban de corazóns porque se deseñaron o pasado día 14, festa de San Valentín. Mentres, os alumnos do IES de Silleda participaron, por quendas, na actividade Tecendo a Rosalía. No chan do vestíbulo colocáronse poemas que foron medrando conforme pasaba o día.

Nos municipios máis pequenos da comarca tampouco faltaron as actividades en honor á creadora. Por poñer algún exemplo, no CEIP Cerdeiriñas, de Piloño, púxose en marcha un obradoiro no que cada estudante tiña que pintar un debuco e as letras do Día de Rosalía-24 de febreiro. Con el fíxose despois unha chapa que adornou xerseis, chaquetas e demais vestimenta. Durante a xornada tamén se proxectou un vídeo baseado no poema Eu ben vin estar o moucho, con música de Migallas e no que profesores e alumnos apareceron con debuxos destas aves e máis de Rosalía. Sen sair de Cruces, o IES Marco do Camballón rendirá, dalgunha maneira, unha homenaxe hoxe a través do seu II Encontro de Mulleres Regueifeiras.

As actividades non remataron onte, pois en Cruces haberá un recital este martes, ás 12.00 horas no auditorio, e en Rodeiro, tamén o martes pero ás 11.30, na Casa de Cultura a citada Helena Villar impartirá unha conferencia.

Compartir el artículo

stats