Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cesáreo Torres: "Os poemas de 'Cantos á natureza' son os últimos que escribiu Neira"

"Edítanse 1.000 copias do disco, que tamén se colgará en Spotify"

Xosé Neira Vilas e Cesáreo Torres, revisando os poemas.

O vindeiro 10 de marzo, o auditorio Xosé Casal acolle, ás 20.00 horas, a presentación do libro CD Cantos á natureza, o segundo traballo conxunto do tenor Cesáreo Torres e do escritor Xosé Neira Vilas, finado en novembro de 2015, despois de Cantos que veñen de lonxe, editado en 2015 e no que se recollen poemas musicados na Arxentina na década dos anos 60. O traballo é, sen dúbida, un dos moitos recoñecementos que se farán a Neira Vilas e á fundación que leva o seu nome, neste ano con motivo do 25 aniversario da posta en marcha da entidade.

-¿Cómo xurdiu a idea deste novo traballo?

-Eu quería que Neira Vilas escribise sobre o noso entorno e os nosos costumes, e el cada tres días enviábame un poema. De feito, penso que son os últimos que escribiu antes de falecer, e non lle deu tempo a redactar o prólogo, do que se encargou Luis Reimóndez. O compositor Juan Durán [gañador da última convocatoria do Premio Reina Sofía de Composición Musical) propúxome que outros expertos se encargasen tamén de musicar as composicións. Desta maneira, os 10 poemas repártense, de dous en dous, entre Durán, Margarita Viso, Paulino Pereiro, Javier Comesaña e María Mendoza. Ao final quedou un disco moi variado, con estilos diferentes.

-¿Quén máis colabora neste traballo?

-Irene Silva Xiráldez encargouse das ilustracións, unha por cada poema. Irene tivo a oportunidade de coñecer a Neira Vilas de paso que visitou paraxes emblemáticas do noso municipio, como as Insuas de Gres. Fixo, tamén, a portada e da contraportada. O disco grabouse no Auditorio de Galicia , que tén unha acústica excelente, da man de Pablo Barreiro, con Alejo Amoedo ao piano. Eu comparto escenario con Susana de Lorenzo, con quen fago dous duetos. Os oito temas restantes son individuais

-Resulta inevitable pensar que Cantos á natureza é, dalgunha maneira, a versión lírica de Memorias un neno labrego. ¿De qué nos falan os poemas?

-Son moi do estilo de Neira Vilas, con títulos como Piñeiro, Labradíos, Alboreo ou Paisaxe. Hai un, A vaca galega, que é un dos duetos [o outro é Paxaros] que Neira e eu decidimos incluir porque Castelao tamén lle escribir un poema a un animal tan típico da paisaxe rural galega. Outro dos poemas, Auga, tamén provocara extensas conversas entre Neira Vilas e eu, porque eu quería que escribise algo sobre a choiva e as sensacións que esperta como o olor a terra mollada ou a repentina aparicion de caracois cada vez que chove. Pero é que, pensándoo ben, o de escribir algo sobre a choiva case daba para outro libro, visto o abano de nomes que temos aquí en Galicia para cada tipo de precipitación [risas].

-¿Cántas copias van editarse do CD?

-Pois sairán á venta en torno a un milleiro, e xa estou en contacto con representantes de El Corte Inglés para que se lle poida dar difusión. Tamén temos pensado colgalo en Spotify e noutras plataformas.

-A maioría dos seus colaboradores acudirán á presentación no auditorio Xosé Casal. ¿Qué persoeiros están confirmados?

-O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, tén intención de acudir, e asistirán o director xeral de Política Lingüística, Valentín García, así como o presidente da Fundación Neira Vilas, Luis Reimóndez. Tampouco vai faltar o alcalde cruceño, Jesús Otero. Días atrás, falei co xornalista da CRTVG Xosé Luis Blanco Campaña, que tén un programa adicado á vaca rubia galega, e amosoume o seu interés en que vaia ao seu espazo para interpretar o tema que lle compuxemos.

Compartir el artículo

stats