O II Encontro de Mulleres Regueifeiras, que terá lugar mañá en Vila de Cruces, servirá para facer unha homenaxe a catro veciños de Sabrexo que en 1980 interpretaron unha peza de música popular para a musicóloga Dorothé Schubart. Oliva, Presentación, Ramón e Antonio permitiron que moitos temas populares aparecesen recollidos no Cancioneiro Popular Galego que editaron Schubart e Antón Santamarina. Esta publicación, de sete volumes, pode consultarse en internet a través da Fundación Barrié, e considérase o maior tesouro da música popular galega, ademais de servir de fonte de inspiración a varias xeracións de músicos do país. A homenaxe comezará ás 18.00 horas no auditorio Xosé Casal, e contará coa presenza de 15 regueifeiras. O evento inclúe unha adaptación musical dun dos temas que recolleu Schubart en Sabrexo. Actuarán, nesta versión, as pandereteiras Aleixandra Torres e Carla Verde, acompañadas pola regueifeira Alba María. As actividades deste segundo Encontro arrincan ás 11.30 horas cunha asamblea de mulleres, tamén no auditorio, e unha mesa redonda ás 16.30 horas. A entrada é libre. Para rematar, ás 20.30 horas comezará unha foliada regueifesta no bar Txapela.