O goberno provincial segue a dar pasos para converter ao Pazo de Liñares lalinense no grande referente nacional e internacional do coñecemento arqueolóxico. A comisión informativa de Turismo aprobou no día de onte a proposta de ordenanza reguladora do funcionamento e a regulación do prezo público polos servizos técnicos que se prestan no Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico (CXCA), que irán ao pleno da Deputación deste venres. Tanto a ordenanza do funcionamento como a regulación do prezo público dos servizos técnicos teñen por obxectivo converter ao Pazo de Liñares nun eixo central internacional da investigación e coñecemento da cultura castrexa e da Idade de Ferro.

Liñares, un inmoble propiedade do Concello de Lalín, conta con dúas zonas destinadas ao estudo da historia da provincia. Por unha banda, unha área expositiva na que se concentran milleiros de pezas relacionadas cos xacementos galaico-romanos que está aberta a todo o público de xeito gratuíto. Trátase dun espazo polo que nun ano pasaron xa máis de 120.000 pezas, algunhas delas tan destacadas como o askós de procedencia mediterránea, un peite fabricado en óso, unha espada de bronce ou unha ánfora de procedencia bética.

Por outra banda, conta tamén cunha zona de traballo e investigación na que é posible afondar sobre o desenvolvemento histórico da provincia de Pontevedra. Este espazo, tamén visitable, está destinado ao coñecemento, estudo e á investigación, que precisa garantir unhas medidas de seguridade e control de temperatura e ambiente determinadas. Ao respecto, a Deputación de Pontevedra vai aprobar unha ordenanza reguladora do funcionamento así como un regulamento de prezo público polos servizos técnicos que se prestan neste centro e cuxas propostas foron aprobadas onte.

Deste xeito, o goberno provincial xa está a poñer a disposición do persoal investigador as instalacións do Pazo de Liñares para que poidan empregar os medios técnicos e equipamentos do CXCA. Así, o centro conta, nestes momentos, con tecnoloxía especializada no tratamento de bens mobles de natureza arqueolóxica, dende unha sala de fotografía ata binoculares do centro, do adaptador de cámara de foto e vídeo, espazo na cámara frigorífica, a campá extractora de gases no centro, así como o uso de estufas e espazos de almacenaxe, fotocopiadoras e escáners, cuxas propostas de prezos públicos foron aprobadas.

Amais da posta a disposición de persoal investigador dos espazos e materiais, o goberno pon a disposición de todas as persoas que o desexen visitas didácticas que permiten coñecer o traballo de investigación e os seus resultados. Tamén está a impulsar unha oferta formativa, mediante un convenio coa Escola de Restauración de Pontevedra, para o perfeccionamento dos e das profesionais do patrimonio en diversos contidos e técnicas de xestión, protección, conservación, restauración e documentación sobre bens arqueolóxicos da Idade de Ferro.

Deste xeito, a Deputación de Pontevedra está a habilitar tamén á comarca de Deza como un espazo único no mundo para o estudo, catalogación e preservación da ampla riqueza castrexa da nosa terra.