Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Media ducia de petróglifos na Pedreira

Membros do colectivo Capitán Gosende atopan un novo gravado rupestre no Concello de Forcarei

Membros de Capitán Gosende a carón do petróglifo da Pedreira VI.

O domingo 21 de xaneiro puxemos o pé por vez primeira no outeiro da Pedreira, monte comunal das aldeas de Alende e Castro de Muras, pertencentes á parroquia de Pereira (Forcarei). Cadramos no espazo e no tempo cun fato de escopeteiros que, degoxando decimar a poboación de raposos, facíanlle a espera ao renarte co dedo furabolos acaroado ao percusor. En son de paz funme achegando ao lugar onde se apostaba un daqueles homes armados. Advertín que a miña presenza lle provocaba inquedanza (non está o alcacén pra gaitas), polo que rompín o xeo e, tras as "boas tardes", díxenlle que andabamos pola zona na procura de gravados rupestres. Ao decatarse do noso propósito, recuperou o acougo e con rouca voz de cazador respondeume cunha pregunta: "E logho hai moito diso por aquí?". Por un intre, os petróglifos semelláronseme raposos e, tentando libralos de todo mal, instintivamente, mentín: "Pouca cousa".

Ben ao contrario, as tres xornadas expedicionarias que os de Capitán Gosende realizamos na Pedreira propiciaron a descuberta de seis insculturas. Tal fartura lévanos a salientar a excepcionalidade deste outeiro no contexto forcareicense. Até o día de hoxe e dende hai tempo, os inventarios oficiais e oficiosos situaban no concello de Forcarei apenas 7 estacións petroglíficas. O pasado domingo, día 4, roldando os 3º C de temperatura e baixo un chuvasco xélido e recorrente, batemos, na banda norte do monte da Pedreira, co gravado que completa a nosa media ducia. Abofé, non será o derradeiro, se a gripe non nos leva por diante.

O petróglifo, bautizado, "Pedreira VI", anótoo na miña conta. Velaquí a súa xeolocalización (coordenadas.- X: 555.136; Y: 4.720.052; alt. 699). O soporte escolleito para a súa realización é unha laxa granítica que presenta un avultamento na súa zona central. O artista prehistórico valeuse desta característica para plasmar con inefábel plasticidade unha combinación de elementos circulares.

A laxa presenta un alto grao de desgaste, provocado polos axentes transformadores do relevo (axentes erosivos), mormente: a auga, a atmosfera (meteorización) e o ser humano. A superficie visíbel da lastra é duns 2'5 m2. Cómpre engadir que a sección sur da rocha foi xacando subtraída, pois, como xa se indicou, o monte da Pedreira forneceu de material construtivo os lugares da contorna (topónimo transparente).

A estación petroglífica sitúase a uns 500 m, en liña recta e cara ao sueste, da aldea de Alende; a uns 670 m, na mesma orientación, da aldea de Castro de Muras; a uns 750 m, na mesma orientación, da croa do devandito castro (visíbel dende o lugar), e a uns 500 m, en liña recta e cara ao sur, dunha mámoa selleira (20 m de diámetro, aprox.), túmulo neolítico sito en terras de Valiñaxemia. En conclusión, Forcarei posúe, en puco máis de 30 hectáreas de terreo, belido testemuño das nosas idades prehistóricas: Neolítico (mámoa de Valiñaxemia (6.000 anos de antigüidade)), Calcolítico-Idade do Bronce (petróglifos da Pedreira (4.500 anos de antigüidade)) e mais Idade do Ferro (castro de Castro de Muras (2.000 anos de antigüidade)). Se non tivésemos o favor do santo, andariamos a rogar por el.

Volvendo ao gravado rupestre achado o domingo día 4 e insistindo no seu avanzado estado de deterioro, a figura componse duns 6 óvalos concéntricos incompletos (cuxo elemento meirande abrangue os 85 cm de diámetro), coviñas e outros riscos curvilíneos. En petit comité, os de Capitán Gosende empregamos a denominación "arandelas" para referírmonos aos motivos circulares concéntricos.

Atendendo á bibliografía existente verbo da arte rupestre do concello de Forcarei, atrevémonos a dicir que os motivos representados nos petróglifos da Pedreira III e VI supoñen unha novidade temática no corpus petroglyphorum daquel territorio. Lembremos que, a día de hoxe, os cruciformes (prehistóricos ou históricos) son o tema recorrente: Outeiro das Cruces, Laxa das Buratas (Presqueiras), monte Penide (Dúas Igrexas)...

Coidamos que a paisaxe granítica do Concello de Forcarei aínda nos está agochando moitas e moi agradábeis sorpresas. Quen busca atopa!

Compartir el artículo

stats