Un Remexido de indíxenas africanos tomou onte Lalín. Alomenos, foi o grupo preferido no concurso de disfraces organizado polo Concello co gallo do Carnaval. Malia á neve da mañanciña e ao frío reinante durante toda a xornada, Lalín sacou á rúa o concurso. Ducias de persoas tomaron parte nun desfile que se pechou con 35 inscripcións, entre as tres categorías (grupos, tríos e parellas e individual). A organización valorou como "moi concorrido" o concurso, que se celebrou sin incidencias reseñables.

Os participantes déronse cita na Carpa Mahou, emprazada no Campo da Feira Vello, e desde alí emprenderon un recorrido que os levou polas rúas Rosalía de Castro, Molinera, Ramón Aller, Matemático Rodríguez, Principal e Xoaquín Loriga. As charangas KM 0 e Leda Mandeu encargáronse da animación musical. De volta ao abrigo da carpa, os nenos puideron gozar dos inchables e doutros xogos, antes de facerse público o veredicto do xurado, composto por personas do ámbito social e cultural lalinense.

Remexido de indíxenas africanos, de Cogami, foi o grupo máis valorado e obterá 250 euros, mentres que A tribo de Aspadeza percibirá 140 euros; Dragones, 80 euros; Expedición Domusvi, 60; e Os tres porquiños e o lobo, 50. Na categoría de tríos e parellas, dotada con premios de 80, 60, 50, 40 e 30 euros, os galardoados foron: Os tres bailadores, Loriga e Ramón Aller, Os aviadores, Un par de pitiñas no cascarón e Brancaneves e a mazá. Por último, na sección individual, o gañador foi O caracoliño, que se leva 50 euros, por diante de Frida Khalo (40 euros), O tempo está tolo (30) e O escusado e Pun, que se embolsan 20 euros cada un.

En total, o Concello de Lalín destina 1.000 euros aos premios do concurso de Entroido, que os galardoados recolleron onte en forma de vales para canxear no consistorio en vindeiros días, cando sexan avisados. O representante deberá ir provisto do DNI para asinar a recepción do premio en metálico e achegar á Tesourería certificado do número de conta bancaria para o pagamento do mesmo.