Despois das brancas estampas e os termómetros baixo cero dos últimos días, chegou a choiva. Aínda que se clamou por ela tras meses de seca, as precipitacións tenden a ser malas compañeiras de viaxe para o espírito do Entroido, pois con frecuencia obrigan a cancelar os desfiles e a festa ao aire libre que acompaña a estas datas. Con todo, portas dentro, e procurando que as caretas e a gabardina pegasen ben, a imaxinación e o desenfado continuaron onte en Tabeirós-Terra de Montes a cuberto.

No Recreo Cultural os nenos tomaron na tarde de onte o relevo aos maiores cunha festa na que non faltou a animación infantil e o tradicional concurso. Tanto para este evento como para o certame dirixido aos adultos, toda unha cita tradicional nesta sociedade, a entidade contou coa colaboración de diversas empresas estradenses.

A esta mesma hora, o Centro Social da terceira idade da vila acolleu un baile de disfraces, amenizado polo Trío Amencer, do que forma parte a recanteira estradense Cristina Cimadevila.

Nenos e maiores compartiron festa en Cerdedo. Ata as instalacións do pavillón municipal acudiron varios cidadáns disfrazados, de todas as idades. Non faltaron os xogos inchables para facer as delicias dos máis pequenos.

Santeles tiña onte a encomenda de poñer a nota máis tradicional ao Entroido estradense. Con todo, a choiva motivou a suspensión do atranque programado para as 19.00 horas. A comitiva, que o sábado percorreu os distintos lugares da parroquia, aproveitou a ocasión para celebrar un xantar de confraternidade no que non faltaron os "vivas".

A Estrada reserva para hoxe un dos momentos máis agaradados do seu Entroido: o desfile e concurso de disfraces polas rúas da vila. A pesar das choivas de onte, ao peche desta edición aínda se mantiña invariable a programación. A imaxinación e o bo humor encargaranse de encher a vila de colorido, igual que na noite do sábado fixeron os concursantes na competición ideada polos locais da movida nocturna. Os primeiros clasificados en grupos foron "Sister Act", quedando segundos "As Sotas". En parella impúxose un control por radar.