Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fins Eirexas: "Deza é un bocado apetitoso para a proliferación de eucaliptos"

"A ILP comezou a xestarse fai un par de anos, para revirar o novo Plan Forestal"

Fins Eirexas explicou no Casino de Lalín o contido da Iniciativa Lexislativa Popular. // Bernabé/Javier Lalín

Colectivos ecoloxistas, empresas vinculadas ao rural e montes en man común conforman o colectivo Cousa de raíces, promotor da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) en Defensa do Bosque Autóctono, que pretende elevarse ao Parlamento. Os seus defensores organizan, desde outubro, charlas para difundila por todas as localidades galegas. Onte estiveron no Casino de Lalín, e hoxe visitarán Ferreira de Pantón.

-Precisan 10.000 sinaturas para que a proposta poida debatirse no Parlamento. ¿Cómo está respondendo a xente?

-Xa as acadamos, de maneira que contamos con chegar aos 80.000 apoios.A xente quere asinar, porque está claro que, aínda que levábamos dous anos traballando nesta ILP para madurala en paralelo á nova tramitación do Plan Forestal, está claro que a coxuntura da vaga de lumes de outono axudou a concienciar.

-¿Por qué é necesaria esta norma que propoñen?

-Porque o Plan Forestal do ano 92 foi unha xestión nefasta que levou ao desastre, e o Pladiga fainos seguir no mesmo sistema. Queremos, con esta ILP, revirar o novo Plan Forestal, porque o antigo nin sequera fixo un inventario de especies autóctonas, 26 anos despois da súa entrada en vigor. E iso, a pesar de que as solucións para evitar os lumes, como a multifuncionalidade dos montes, están enriba da mesa dende hai anos, pero non interesa aplicalas.

-¿Cal é a causa?

-A causa é que se fomentou o abandono do monte para favorecer a reforestación con especies pirófitas e encamiñadas á producción de pasta de papel. Ese plan do ano 92 contemplaba que, nun horizonte de 40 anos, habería 245.000 hectáreas de eucaliptos, e o resto seria monte multifuncional. Pois ben, a día de hoxe e segundo datos oficiosos xa hai máis de 600.000 hectáreas de eucaliptos. Queremos deixar claro que o que pretendemos con esta ILP non é erradicar a producción de eucalipto, non. O que se trata é de frear a súa expansión, igual que se está facendo en Portugal. O que ocorreu foi que, ao non haber unha política axeitada que apostase por explotacións pequenas e sostibles, abandonouse o rural e, antes de que as terras quedasen incultas, optouse por plantar eucalipto. Porque si hai plantacións en terras agrarias, aínda que estea prohibido, pero a Xunta segue a mirar para outro lado.

-Nos últimos anos apóstase pola biomasa como maneira de ter limpos os montes. ¿É correcta esta postura?

-E que o monte non tén que estar limpo, senón coidado, porque as matogueiras e as turbeiras cumplen unha función vital. O novo Plan Forestal aposta pola biomasa, pero é que esta enerxía precisa máis terra para cultivos enerxéticos. Durante o goberno bipartito da Xunta, estableceuse un tope de 8 plantas de biomasa en toda Galicia, e un tope de producción de 10 megavatios en cada unha. Feijoo derogou isto, de maneira que non hai límites nin para plantas nin para producción enerxética. Temos que pensar que se están tramitando tres plantas de biomasa, dúas delas, dende Ence. As da celulosa terán unha potencia de 50 megavatios, e precisará cada unha un millón de metros cúbicos de madeira ao ano. Deste xeito, se antes os ciclos de corta eran de 15-20 anos, agora pasarán a ser de 5-6. Ence precisará, para estas plantas, unvolume de superficie similar á cuarta parte da provincia de Pontevedra, e será madeira de eucalipto, bambú e paulonia, todas elas especies invasoras.

-A paisaxe de eucaliptos é xa estampa asentada na costa. ¿Ocorrerá o mesmo no Deza?

-Por sorte, de momento esta comarca aínda tén ben conservada a súa paisaxe agraria tradicional e, de feito, e a única que dispón dun Catálogo da Paisaxe. Pero se aínda non entrou aquí o Eucalytpus globulus e porque non aguanta a xeada, así que agora o que se planta é a variedade nitens, que soporta alturas superiores a 600 metros e leva ben varios días de xeada. Cada vez hai máis plantacións ilegais no interior. Segundo Fruga, unhas 5.000 hectáreas cada ano. A comarca do Deza é un bocado moi apetitoso para a proliferación de eucalipto, posto que está ben comunicada, tén moita base territorial e están pechando explotacións gandeiras. Temos claro que coa política actual nos espera un futuro negro, pero de fume.

Compartir el artículo

stats